publicidade hoxe

Aprobada a licitación das primeiras obras de urbanización no parque empresarial de Morás, en Arteixo, por 1,3 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixo
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, impulsa o desenvolvemento do parque empresarial de Morás, no concello coruñés de Arteixo, coa licitación das obras de acondicionamento da estrada DP-0512, que constitúe o eixo principal do parque. O consello de administración de Xestur autorizou hoxe a licitación desta obra, por importe de preto de 1,3 millóns de euros.

O trazado da estrada DP-0512 coincide co viario V-5 do parque empresarial, de maneira que a obra a desenvolver mellorará as condicións de seguridade viaria da estrada e ao mesmo tempo constitúe parte da urbanización do parque empresarial.

O proxecto define a completa execución da nova calzada que substituirá a estrada DP-0512 o seu paso polos terreos do parque, para o que será necesario realizar un desvío provisional para poder actuar ao longo de toda a traza da estrada.

Para afectar o mínimo posible á calzada e ao tráfico da estrada cando se retome a urbanización interior do parque, contémplase xa a execución do movemento de terras das glorietas previstas e a execución dos cruces de servizos previstos nas obras de urbanización.

No pasado mes de xaneiro, o consello de Xestur aprobou iniciar este ano o desenvolvemento da primeira fase do parque empresarial de Morás cunha superficie bruta de 1.104.651 metros cadrados, que suporán un total de 599.211 metros cadrados de superficie útil de parcelas.

Nesta primeira fase realizaranse todas as conexións externas incluído o viario de acceso dende a Autovía A6 así como a subestación eléctrica. Prevese un investimento de preto de 18 millóns de euros para a realización das obras de urbanización da primeira fase do parque empresarial de Morás.

1 de marzo de 2017 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.