publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A XVI Bienal de Teatro ONCE percorrerá os escenarios da comunidade con espectáculos de oito grupos

A XVI Bienal de Teatro ONCE percorrerá, desde o 30 de marzo ao 2 de abril, un total de 10 municipios das catro provincias galegas, da man de oito grupos de teatro integrados na súa maioría por actores e por actrices cegos ou con discapacidade visual grave.

A programación, que conta co apoio da Consellería de Cultura e Educación, foi presentada esta mañá en rolda de prensa na cidade herculina, nun acto no que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, incidiu na importancia de favorecer, a través das políticas culturais, a inclusión e a expresión dos colectivos con maiores dificultades de integración. Ao mesmo, tempo, destacou a importancia de contar con proxectos coma a bienal, a través dos que lles dar visibilidade a iniciativas artísticas que permitan o desenvolvemento pleno de colectivos que parten dunha situación desfavorecida.

Os escenarios

Con sede na Coruña, no Teatro Rosalía Castro, a Bienal de Teatro ONCE chegará, ademais, ata Ferrol (Teatro Jofre), Ourense (Teatro Principal), O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo), Monforte de Lemos (Edificio Multiúsos), Burela (Auditorio Municipal), Carballo (Pazo da Cultura), Pontevedra (Auditorio Afundación), Vigo (Centro Municipal de Teis) e Lugo (Círculo das Artes).

As propostas artísticas desta nova edición da bienal están dirixidas por Esteve Ferrer, que explicou o contido da cita teatral. Tamén participaron na rolda de prensa o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan; o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; e a xefa de promoción cultural da ONCE, María José Sánchez.

Oito grupos de dentro e de fóra de Galicia

O programa de espectáculos desta décimo sexta edición da bienal correrá a cargo de oito grupos de teatro apoiados pola ONCE: Valacar, da Coruña; Muxicas, de Ourense; La Luciérnaga, de Madrid; La Ruina, de Albacete; Orozú Teatro, de Cádiz; Sa Boira, das Illas Baleares; Samaruc, de Valencia; e Sarau, de Barcelona. Como adianto ao que ofrecerán nos escenarios galegos, a actriz Yésica Val, do grupo coruñés Valacar, realizou un monólogo durante a rolda de prensa, na que tamén se presentou o cupón que a ONCE lle dedicará a esta XVI Bienal de Teatro no sorteo do domingo 2 de abril.

O público, que poderá acudir a todas as funcións con entrada gratuíta retirándoas nos despachos de billetes dos espazos que van acoller as representacións ou nos centros de ONCE Galicia, ata completar aforo. Ademais, o Teatro Rosalía Castro ofrecerá as obras con sistema de audiodescrición para as persoas cegas.

No seu percorrido polas catro provincias galegas durante catro días, a bienal conta tamén co apoio das deputacións de Ourense e de Lugo, do Círculo das Artes de Lugo e mais dos concellos de Ferrol, de Vigo, do Barco de Valdeorras, de Monforte de Lemos, de Burela, de Carballo e da Coruña.

Proxectos para a integración a través da cultura

Dado o valor das artes para favorecer a participación plena de todas as persoas na sociedade, a Consellería de Cultura vén colaborando con diversas iniciativas que avanzan nesta mesma dirección da bienal, como o Festival Artes pola Igualdade, como o programa En-Red-Arde de Cogami ou o como o proxecto Artes pola Integración.

23 de marzo de 2017 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.