publicidade hoxe

A Xunta promove o emprego feminino potenciando plans de igualdade e axudas de maior intensidade para as mulleres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou hoxe na Coruña as instalacións de Ciesa Ingeniería, unha empresa galega que conta coa Marca de Excelencia Empresarial en Igualdade.

Toca destacou que unha das prioridades da Administración autonómica é acadar que as mulleres galegas ocupen o lugar que lles corresponde no mercado laboral e, para iso, sinalou que a Xunta, a través da Axenda 20, está a promover o emprego feminino elaborando un Plan específico para elo, ao tempo que está potenciando os plans de igualdade e reforzando a colaboración coa Inspección de Traballo para actuar contra a discriminación, entre outras actuacións.

Con respecto ao Plan de Emprego en Igualdade sinalou que será unha folla de ruta coa que se pretende apoiar aínda máis o acceso ao traballo das mulleres, en especial daquelas que levan máis tempo no desemprego, e o desenvolvemento da súa carreira profesional e a incorporación en ocupacións de alta cualificación. Con esta iniciativa tamén se pretende equilibrar a participación das mulleres coa dos homes en todos os sectores e incentivar o emprendemento feminino.

A secretaria xeral de Emprego explicou, así mesmo, que o Goberno galego mantén a discriminación positiva nas políticas activas de emprego e, deste xeito, un 55% das axudas para incentivar a contratación foron para empregar a mulleres desde 2009. Tamén indicou que a Xunta destina cada ano máis de 51 millóns de euros a facilitar a formación e a integración laboral das mulleres en Galicia. Avanzou, ademais, que as próximas convocatorias de axudas, terán maior intensidade para as mulleres, entre outros colectivos, e que este ano aumentan nun 27% os apoios destinados a potenciar a igualdade nas empresas galegas.

Lembrou, ademais, que a Estratexia do Autónomo, que vén de activar a Administración autonómica, inclúe a mellora á conciliación por maternidade ou paternidade das persoas autónomas ao aumentar en 16 semanas máis a bonificación do 100% da cota da Seguridade Social da persoa contratada.

Outra das actuacións do Goberno galego en materia de igualdade é o traballo que realiza a través da Comisión de Igualdade do Consello Galego de Relacións para verificar que os convenios colectivos firmados en Galicia cumpren ou melloran a legalidade vixente. Neste senso, indicou que o 70% dos convenios colectivos revisados nos últimos dous anos inclúen melloras para a muller, principalmente no eido da conciliación.

A secretaria xeral tamén referiuse ás medidas que desenvolve a Xunta para impulsar a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) en pemes para potenciar unha cultura empresarial de responsabilidade social na que a corresponsabilidade, a conciliación e a igualdade de oportunidades xoguen “un papel determinante” na mellora das condicións de calidade do emprego.

Por último, Toca apuntou que hoxe 7 de cada 10 mulleres ten un contrato indefinido en Galicia e 7 de cada 10 tamén ten un contrato a tempo completo.

9 de marzo de 2017 | 16:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.