publicidade hoxe

A Xunta prevé rematar a reparación e reforzo do dique do porto da Guarda en seis meses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA GuardaLocal Portada
A-
A+
Rosa Quintana na visita ao porto da Guarda

Rosa Quintana na visita ao porto da Guarda

A Consellería do Mar prevé rematar en seis meses a reparación e reforzo do dique do porto da Guarda, danado en febreiro polo temporal Kurt, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan e non existan imprevistos. Así o sinalou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante a visita que realizou esta mañá a esta obra, que comezou nos últimos días. Tamén destacou que esta actuación, na que se invisten 834.000 euros, é a máis importante das requiridas polos danos do temporal, que supuxeron un investimento total de 1,4 millóns de euros.

Durante a visita, na que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, a titular de Mar explicou que as obras, que deron comezo nos últimos días, foron tramitadas por procedemento de emerxencia ante a urxencia da actuación para minimizar situacións de risco para os usuarios do porto e o global da cidadanía.

A conselleira sinalou que os traballos se centran na reposición do dique e o contradique de abrigo do porto guardés, que sufriran derrubes parciais debido ao impacto das ondas. Deste xeito, as obras devolverán a estrutura danada ás súas condicións habituais, dotando ao porto de seguridade e operatividade, sinalou a titular de Mar.

As obras consisten fundamentalmente na reparación e reforzo do contradique mediante bloques de formigón de 130 toneladas na zona máis próxima ao morro, así como a reposición de bloques de 50 toneladas na zona central e no arranque e reforzo con escolleira de máis de 5 toneladas da parte interior da dársena.

Reforma da lonxa

A conselleira do Mar visitou tamén as obras de reforma do edificio da lonxa, xa rematadas. Estes traballos consistiron na habilitación dunha zona para uso da confraría de pescadores da localidade e na renovación de elementos en cumprimento da normativa de aforro enerxético.

En concreto, a actuación supuxo a habilitación dunha sede administrativa para os traballadores da confraría de pescadores e unha ampliación de espazos de 45 a 61 metros cadrados. Con estes traballos, explicou a titular de Mar, búscase impulsar a centralización e unificación de servizos, tanto da lonxa como da confraría, así como dinamizar a actividade da rula. Así mesmo, contribúese tamén a dotar de maior accesibilidade e visibilidade a actividade da confraría e minimízanse os gastos cun mellor aproveitamento dos recursos ao unificar servizos e instalacións de lonxa e confraría. Nestaobra, a Consellería do Mar investiu 43.000 euros.

27 de marzo de 2017 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.