publicidade hoxe

A Xunta mellora a eficiencia enerxética do CEIP de Seixalbo cun investimento de 400.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Marisol Díaz na visita ao CEIP de Seixalbo

Marisol Díaz na visita ao CEIP de Seixalbo

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou hoxe o CEIP de Seixalbo, un dos dous centros educativos nos que durante o verán se executarán obras de eficiencia enerxética. Ademais, tamén se levarán a cabo outras actuacións de mellora para manter a calidade e mellorar esta edificación educativa emprazada no medio rural da capital ourensá, concretamente na localidade de Seixalbo.

Na súa visita ao centro Díaz Mouteira _que estivo acompañada do alcalde da cidade, Jesús Vázquez; e da xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Luz Fernández_ coñeceu polo miúdo os traballos de mellora que se van realizar e que en total contarán cun investimento de preto de 470.000 euros.

A delegada territorial explicou que estas actuacións enmárcanse dentro da liña da Consellería de acondicionar e renovar os centros públicos de toda Galicia de xeito que o alumnado conte cunhas instalacións axeitadas para o correcto desenvolvemento da actividade educativa.

No CEIP de Seixalbo, Educación apostou pola eficiencia enerxética e executará un proxecto que suporá un investimento próximo aos 400.000 euros, financiado con fondos europeos Feder. Así, procederase ao illamento da fachada, da cuberta e da caixa de persianas, así como a substitución das fiestras que aínda non foran cambiadas. Ademais, se levará a cabo a substitución de luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética, con detectores de presenza nas zonas comúns.

Ademais, aproveitando a realización destas obras de eficiencia enerxética, se executarán outras actuacións, cun orzamento próximo aos 70.000 euros, que consistirán na substitución de falsos teitos, a reparación e pintado de zonas interiores e exteriores, así como a revisión da instalación eléctrica.

Segundo Marisol Díaz Mouteira estas obras demostran o compromiso da Consellería de Educación co benestar da comunidade escolar co fin de que este redunde nunha maior calidade das instalacións educativas. Así afirmou que “o Goberno galego traballa para seguir avanzando na adecuación das infraestruturas co fin de continuar mellorando as condicións de traballo e estudo dos mestres e alumnos”.

Proximamente licitaranse estas obras de mellora que se executarán durante o período non lectivo das vacacións de verán, co fin de no interferir na actividade académica e para que podan estar rematadas de cara ao inicio do próximo curso escolar.

15 de marzo de 2017 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.