publicidade hoxe

A Xunta licita as obras de reforzos de firme en varias estradas autonómicas nas comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes con 760.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgoladaCerdedoForcareiLalínPontevedraSilledaVila de Cruces
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación dun contrato que inclúe obras de reforzos de firme en varias estradas autonómicas ao seu paso polas comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, cun investimento de case 760.000 euros. Para obter información máis detallada pódese consultar o DOG. A presentación de ofertas pecharase o vindeiro 15 de abril.

Trátase de actuacións de mellora da capa de rodadura en tramos das estradas PO-203, PO-205, PO-534, PO-840 e PO-960, no seu desenvolvemento polos concellos de Agolada, Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Cerdedo e Forcarei.

O proxecto define reparacións puntuais do firme que permitan prolongar a vida útil do pavimento das estradas obxecto da obra, mediante fresado e reposición nos puntos con deformacións, ou microaglomerado, segundo a necesidade de cada treito.

Na estrada PO-840, no concello de Agolada, actuarase entre o p.q. 58+840 (ponte nova sobre o Ulla, no límite coa provincia da Coruña) e o 68+690 (travesía de Agolada).

Na estrada PO-534, a Xunta levará a cabo reparacións puntuais ao longo de toda a estrada, de 33,4 km, ao seu paso polos concellos de Forcarei, Silleda, Lalín e Cerdedo.

Este paquete de reforzos de firme tamén contempla reparacións puntuais na estrada PO-203, entre o p.q. 0 e o 0+700 (travesía de Vilatuxe), no concello de Lalín.

Na estrada PO-960, no concello de Vila de Cruces, arranxarase a rodadura no treito entre o p.q. 16+910, na ponte sobre o río Ulla, no límite coa provincia da Coruña, e o 32+700, na intersección coa PO-905.

A estrada PO-205 tamén será obxecto de reparacións puntuais ao longo dos seus 14,5 km, nos concellos de Silleda, Vila de Cruces e Lalín.

Plan de reforzos de firme

Estas actuacións forman parte do Plan de reforzos de firme co que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda mellorará case 700 quilómetros de estradas de titularidade autonómica, cun orzamento de 20 millóns de euros.

O Goberno galego continúa a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.

A Consellería de Infraestruturas está a realizar importantes esforzos en materia de conservación de estradas, con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, senón que ademais se complementan con obras de conservación extraordinarias.

20 de marzo de 2017 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.