publicidade hoxe

A Xunta investirá 940.000 euros na mellora enerxética do CPI Antonio Faílde e do CEIP de Seixalbo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaColesOurenseOurense
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vai acometer este ano as obras de mellora enerxética do CPI Antonio Faílde de Coles e do CEIP de Seixalbo, pertencente ao concello de Ourense, por un importe estimado de preto de 940.000 euros cofinanciados con fondos europeos Feder e repartidos a partes iguais entre os dous centros.

Así o explicou esta mañá a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, nunha visita ao centro escolar de Coles, onde explicou que estas actuacións contémplanse dentro do plan de mellora da eficiencia enerxética que se puxo en marcha o ano pasado en toda Galicia e que continúan no presente exercicio, con actuacións en oito centros escolares a razón de dous por provincia, e que suporán un investimento de preto de catro millóns de euros. Na súa visita Díaz Mouteira estivo acompañada polo xefa territorial do departamento dirixido por Román Rodríguez, Luz Fernández.

Nestes momentos, o departamento de Educación está redactando os proxectos técnicos coa previsión de licitar as obras entre abril e maio e poder comezar os traballos durante o período non lectivo das vacacións de verán, co fin de no interferir na actividade académica e para que podan estar rematadas de cara ao inicio do próximo curso escolar.

Segundo Marisol Díaz Mouteira estas obras demostran o compromiso da Consellería de Educación co benestar da comunidade escolar co fin de que este redunde nunha maior calidade das instalacións educativas. Así afirmou que “o Goberno galego traballa para seguir avanzando na adecuación das infraestruturas co fin de continuar mellorando as condicións de traballo e estudo dos mestres e alumnos”.

Os traballos consistirán principalmente no illamento da fachada, da cuberta e das caixas de persianas, a substitución das luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética con detectores de presenza nas zonas comúns, así como a substitución das fiestras que aínda non foran cambiadas. Ademais, aproveitando a realización destas obras de eficiencia enerxética, se executarán outras actuacións que consistirán na substitución de falsos teitos, a reparación e pintado de zonas interiores e exteriores, así como a revisión da instalación eléctrica. En total estas actuacións suporán un investimento de preto de 470.000 euros.

22 de marzo de 2017 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.