publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta investirá 175 millóns de euros entre 2017 e 2018 a través da Axenda Galicia-Industria 4.0

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Feijóo na rolda de prensa do Consello da Xunta.

Feijóo na rolda de prensa do Consello da Xunta.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que o Goberno galego vai investir máis de 175 millóns de euros entre 2017 e 2018 a través da Axenda Galicia-Industria 4.0, un 22% máis do que se investiu durante os dous primeiros anos. Ademais, subliñou que se prevé que medre a porcentaxe de fondos destinados a fomentar a Industria 4.0.

Entre as novas medidas que prevé a axenda para estes dous anos, Feijóo destacou a posta en marcha da Lei de fomento da implantación empresarial, orientada a facilitar a chegada de actividade industrial; un programa de marketing industrial e outro de provedores industriais, co fin de que se fabriquen novas máquinas e sistemas de produción; a creación do Observatorio Industria 4.0; unha estratexia para mellorar, vertebrar e coordinar o noso sistema loxístico; e un programa que busca estender a economía colaborativa á industria, introducindo por exemplo fábricas compartidas ou a fabricación de tiradas curtas de novos produtos para probar a súa acollida.

Segundo o titular do Goberno galego, estes plans van ser debatidos e enriquecidos con achegas do sector durante as próximas semanas. Vanse realizar obradoiros co Foro Económico de Galicia, empresas tractoras, clústers e o Consello Galego de Economía e Competitividade. Deste xeito, sinalou que a Axenda 4.0 segue sendo unha estratexia de todos, como vén sendo desde a súa aprobación, que contou co consenso de 120 axentes sociais.

Balance dos dous primeiros anos da Axenda Galicia-Industria 4.0

O titular do Goberno galego lembrou que a Axenda Galicia-Industria 4.0 nacía en 2015 co obxectivo de chegar a 50.000 novos postos de traballo en 2020 e co fin de incrementar o PIB da industria no PIB de Galicia. Neste senso, sinalou que nos primeiros dous anos desta axenda, Galicia creou xa 11.500 novos empregos industriais, tal e como reflicte o balance de resultados desta estratexia nos anos 2015 e 2016 que coñeceu hoxe o Consello da Xunta. Neste bienio, a Xunta investiu 143 millóns de euros, un 19% máis do que tiña previsto inicialmente. Con estes fondos, impulsouse xa a modernización de 4.200 empresas.

Logo de detallar que, en total, entre fondos públicos e privados, Galicia mobilizou 342 millóns de euros, o titular do Goberno galego fixo fincapé en que o incremento do índice de produción industrial en Galicia en 2016 foi o segundo máis grande de España, polo que a Xunta vai na dirección axeitada.

Nesta liña, o máximo responsable autonómico destacou que o programa de abaratamento do solo industrial conseguiu adxudicar máis de 728.000 metros cadrados para que se instalasen empresas en Galicia e fixo fincapé en que no que vai de lexislatura xa se adxudicou o dobre de solo industrial que en 2014. Ademais, para fomentar a eficiencia enerxética, a Xunta outorgou axudas por máis de 10 millóns de euros e, para apoiar financeiramente proxectos industriais, investíronse 35 millóns en programas de préstamos, incentivos e axudas. Para impulsar a innovación nas pemes, outros 25 millóns, a través de programas como Conecta Peme.

Como concluíu Feijóo, a modernización do noso tecido produtivo está a crear e creará emprego e está a axudar a expandirse a nosa economía.

9 de marzo de 2017 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.