publicidade hoxe

A Xunta inicia a tramitación ambiental do proxecto da estación intermodal de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A Xunta vén de iniciar a tramitación ambiental do proxecto da estación intermodal de Santiago, co obxectivo de axilizar en todo o posible a súa aprobación urbanística a través da Lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda deulle hoxe traslado á Consellería de Medio Ambiente do documento técnico que integra o proxecto da estación de autobuses, a estación de ferrocarril e a pasarela de conexión entre ambas, para a súa tramitación ambiental de acordo co procedemento correspondente por parte da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, o Concello de Santiago e o Ministerio de Fomento acordaron o pasado mes de febreiro tramitar a infraestrutura a través da chamada ‘lei exprés’, co obxectivo de dotala do amparo urbanístico necesario para poder licitar este mesmo ano as obras da primeira fase do proxecto, é dicir, a estación de autobuses e a pasarela cuberta que a conectará coa terminal ferroviaria.

Esta decisión adoptouse tendo en conta que o planeamento urbanístico de Santiago de Compostela non prevé o desenvolvemento desta infraestrutura, e que a alternativa prevista era regularizala a través da elaboración dun Plan especial cuxa aprobación podería demorarse ata 22 meses.

Conforme ese acordo, a Xunta de Galicia iniciou o pasado 10 de marzo o expediente para a tramitación da estación intermodal de Santiago a través desa Lei, e días despois remitiulle o proxecto ao Concello de Santiago para para que a Administración local o someta a información pública durante un período de 20 días hábiles e emita o informe preceptivo e vinculante sobre o proxecto, para o que dispón doutros 10 días hábiles.

A Consellería de Infraestruturas agarda que o Concello de Santiago inicie o antes posible o inicio da información pública para axilizar o cumprimento das responsabilidades municipais que establece a Lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese público, e facilitar así os avances na tramitación urbanística da estación.

22 de marzo de 2017 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.