publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta inicia a contratación de obras de mellora de varias estradas da provincia de Pontevedra por 1,4 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaForcareiLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Ethel Vázquez na visita ao Concello de Forcarei

Ethel Vázquez na visita ao Concello de Forcarei

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, visitou hoxe o Concello de Forcarei, onde avanzou que a próxima semana a Xunta iniciará a contratación de obras de reforzos de firme en varias estradas da provincia de Pontevedra por un investimento de 1,4 millóns de euros, dos que máis da metade corresponden a melloras en vías das comarcas de Deza e Tabeirós- Terras de Montes, ao ser unha destas a PO-534, ao seu paso polo municipio forcareiés.

Vázquez Mourelle, xunto coa alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiro, supervisou hoxe os traballos de ampliación da ponte sobre o río Freixeira, na estrada que une Vilapouca e Cachafeiro, a PO-536, que estarán finalizados no vindeiro mes de abril.

A titular de Infraestruturas explicou que esta actuación ten como obxectivo incrementar a seguridade viaria e a comodidade na circulación, xa que o estreitamento da estrada neste punto impedía o paso simultáneo de dous vehículos.

A Xunta, con estas obras, dá resposta a unha vella demanda dos veciños, que solicitaban continuar coa mellora desta estrada que empregan cada día nos seus desprazamentos, xa que comunica Forcarei e Soutelo e tamén os parques empresariais da Freixeira, en Cachafeiro; e o David Raposeiras, en Vilapouca.

O Goberno galego inviste máis de 100.000 euros neste proxecto que suporá beneficios para os veciños e tamén para os traballadores que utilizan esta estrada para achegarse aos seus postos de traballo. Esta actuación vén completar a xa realizada en 2015 nesta mesma estrada, que consistiu no ensanche da vía, no reforzo do firme e na construción de gabias de seguridade transitables, e que contou cun investimento da Xunta de preto de 800.000 euros.

Ethel Vázquez subliñou que o Goberno galego segue apostando por incrementar a seguridade e por garantir a calidade das estradas, xa que facelo supón melloras para os veciños e para as vilas, que ven incrementado o seu potencial.

13 de marzo de 2017 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.