publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta impulsa novas iniciativas coa intención de mellorar a transparencia dos concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaVigo
A-
A+
Alfonso Rueda na presentación do informe de transparencia

Alfonso Rueda na presentación do informe de transparencia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego vai impulsar novas iniciativas co obxectivo de seguir mellorando a transparencia dos concellos.

Así o sinalou esta mañá en Vigo, durante a presentación do informe sobre o estado dos portais de transparencia nas entidades locais galegas, elaborado pola Rede Localis, un estudo que se elaborou ao abeiro do convenio asinado o pasado verán entre a Vicepresidencia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Universidade de Vigo.

O informe contén información dos 313 concellos galegos e constitúe o punto de partida que permitirá trazar unha folla de ruta para mellorar e facilitar o labor dos concellos en materia de transparencia.

Entre outras conclusións, o estudo sinala que un 78% dos concellos galegos contan cun portal de transparencia. Apunta, tamén, que o tamaño dos concellos condiciona os resultados. Todas as grandes cidades contan cun portal de transparencia, pero a medida que descende o tamaño poboacional, as porcentaxes van caendo, ata o 73% dos concellos de 5.000 habitantes ou menos.

O mesmo sucede coa actualización da información: canto máis pequeno é o concello, menos actualizada está. Así, os concellos de máis de 50.000 habitantes presentan información actualizada nun 86%, fronte ao 32% daqueles entre 5.001 a 20.000 habitantes e o 42% para aqueles con 5.000 habitantes ou menos.

Todas estas cifras poñen enriba da mesa as dificultades que a administración local ten que enfrontar para implantar actuacións en materia de transparencia. Por iso, a Administración galega ten decidido impulsar novas iniciativas para colaborar coas entidades locais neste sentido.

Neste sentido, o vicepresidente da Xunta adiantou que se vai levar a cabo un redeseño do espazo de transparencia que existe no portal de Eido Local, co obxectivo de mellorar e facilitar o seu uso logo do seu primeiro ano de andadura.

Esta remodelación realizarase en colaboración cos concellos, aos que se lles pedirá suxestións para adecuar a páxina ás obrigas legais para o ámbito local; facilitar a publicación de información polos concellos; e facer unha páxina máis intuitiva e de fácil consulta.

Ademais, nos próximos meses tamén se van levar a cabo unha serie de iniciativas para dar a coñecer o portal, informar a concellos e cidadáns das súas potencialidades e seguir divulgando a transparencia en xeral, facendo fincapé no eido local. Para conseguilo, están previstas unhas xornadas na Escola Galega de Administración Pública; un congreso da Rede Localis, no que se abordarán os retos das entidades locais ante a transparencia; e a elaboración dunha Guía de utilización do espazo de transparencia para facilitar o seu uso a toda a cidadanía.

13 de marzo de 2017 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.