publicidade hoxe

A Xunta destina 374.000 euros á mellora das condicións de traballo dos traballadores da lonxa da Illa de Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Illa de ArousaLocal Portada
A-
A+
Rosa Quintana na visita á lonxa da Illa de Arousa

Rosa Quintana na visita á lonxa da Illa de Arousa

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, visitou esta mañá as obras de ampliación realizadas na lonxa da Illa de Arousa. Alí destacou que o seu departamento investiu preto de 374.000 euros na ampliación da lonxa, na construción dun vestiario, unha sala de lavado de neoprenos e un pequeno almacén.

Nesta liña, Rosa Quintana destacou que as melloras acometidas enmarcáronse no Programa de equipamentos pesqueiros de Galicia 2016-2020, cofinanciado pola Unión Europea. Neste sentido, destacou a súa importancia para responder aos requerimentos actuais en materia de funcionamento e de aspectos hixiénico sanitarios.

A titular de Mar explicou que as obras consistiron, por unha banda, na ampliación da zona da poxa da lonxa en máis de 100 m², ata acadar os preto de 900 m². Este espazo está comunicado coa actual lonxa por unha porta interior e ten un acceso dende o exterior. Tamén se dispuxo un novo posto de voz e datos e un sistema de panel de poxa en pantalla Led. Segundo sinalou Rosa Quintana, o obxectivo da confraría nun futuro é ubicar, xunto coa sala de poxas, unha zona de contedores de conservación de crustáceos e cefalópodos.

Ademais, realizáronse outras obras que consistiron na construción dun vestiario, unha sala de lavado de neoprenos e un almacén na lonxa. Estas obras, explicou a conselleira, ocupan máis de 70 m² de superficie e incluíron a conexión da instalación eléctrica e de abastecemento de auga cas instalacións propias da lonxa.

Investimentos en equipamentos portuarios

A conselleira do Mar trasladou que entre o 2009 e o 2016, o seu departamento investiu 21,5 millóns de euros na mellora das condicións de traballo dos profesionais do mar de Galicia, a través de 251 actuacións nas estruturas e equipamentos portuarios vinculados á pesca.

Rosa Quintana explicou que este investimento se realizou con cargo ao antigo Fondo Europeo de Pesca e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e que o obxectivo destas actuacións é mellorar as condicións de traballo dos profesionais do mar que desenvolven a súa actividade diariamente nestes espazos, sobre todo no relativo á comercialización, á trazabilidade e á seguridade alimentaria, entre outros aspectos. Ademais engadiu que estas obras se suman ás levadas a cabo por Portos de Galicia nas infraestruturas portuarias, orientadas á mellora da operatividade dos usuarios dos portos e nas que se investiron máis de 140 millóns de euros no período 2009-2016.

7 de marzo de 2017 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.