publicidade hoxe

A Xunta de Galicia coordinará a posición común das rexións da fachada atlántica europea en relación co Brexit

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O director xeral, Jesús Gamallo, impulsou, durante a reunión da Comisión Arco Atlántico a creación dun Grupo de Traballo específico sobre o impacto que terá o Brexit nas rexións da cornixa atlántica da Unión Europea. Esta proposta foi aprobada polo Arco Atlántico e Galicia coordinará este grupo de traballo.

A Asemblea Xeral anual da Comisión do Arco Atlántico reuniuse hoxe en Les Sables d’Olonne, Francia, para debater sobre as prioridades políticas das rexións atlánticas na UE. As preocupacións da nosa comunidade foron expostas por Jesús Gamallo, e entre as cuestións que están a ser analizadas pola nosa Comunidade Autónoma atópase o impacto do Brexit na Política Pesqueira Común, xa que, ata agora as augas británicas eran accesibles aos pescadores da UE sen restricións. Ademais, o Reino Unido é un dos maiores Estados marítimos da UE, polo que a súa saída probablemente conduza a unha redución do orzamento da Política Pesqueira Común.

Neste senso, a Comisión Arco Atlántico desexa que continúen os esforzos de cooperación no marco da aplicación da Directiva de ordenación do espazo marítimo e da Directiva marco sobre a estratexia mariña, defendendo ademais unha Política Pesqueira Común forte na futura UE-27. Unhas negociacións transparentes con Reino Unido facilitarían unha maior capacidade de adaptación aos sectores económicos das rexións atlánticas.

Declaración final de Les Sables d’Olonne 2017

Os membros do Arco Atlántico expuxeron nunha declaración final as principais conclusións políticas da súa reunión. Sobre a Estratexia Atlántica, a CAA pide ás institucións europeas que destinen un financiamento claro a proxectos marítimos no Atlántico. Ademais, o programa Interreg Espazo Atlántico debe mellorar a súa eficacia e operatividade para evitar atrasos como os sufridos anteriormente na súa execución. Sobre pesca e acuicultura, as rexións atlánticas transmitiron a Karmenu Vella (Comisario Europeo de asuntos marítimos e pesca) as súas propostas e preocupacións para as rexións. O Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) non debería poder usarse como variable de axuste nas negociacións con Reino Unido durante o proceso do Brexit.

Pola súa banda, a Rede Transeuropea de Transporte (RTE-T) debe garantir a accesibilidade a todas as rexións e a cobertura equilibrada do territorio europeo. A isto hai que engadir que ditas rexións teñen máis dificultades para acceder ao Plan Juncker. A CAA propón adoptar o criterio de selección “valor engadido periférico” ademais do valor engadido europeo.

A CRPM e o futuro de Europa

Durante a Asemblea Xeral tamén se presentou o documento «A CRPM e o futuro de Europa», que a CRPM (Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas), na que se engloba a Comisión do Arco Atlántico, vai levar ao seu buró político en Gozo (Malta) o próximo 10 de marzo. O documento pretende fixar a postura da CRPM no debate sobre o futuro de Europa definindo o papel central das rexións no mesmo. Prevese que sexa adoptado no outono de 2018 e presentado nas institucións europeas nun evento de alto nivel.

2 de marzo de 2017 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.