publicidade hoxe

A Xunta comezará a finais deste verán unha nova senda entre a travesía de Praia América e o paseo ata Baiona, cun investimento duns 390.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, mantivo hoxe un encontro cos alcaldes de Nigrán, Juan González, e de Gondomar, Francisco Ferreira, aos que lle avanzou que hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a licitación das obras da nova senda na estrada PO-325, que comezarán a finais deste verán e terán un investimento duns 390.000 euros.

O obxectivo desta actuación é darlle continuidade ao carril bici e á senda peonil existente, que finaliza actualmente ao termo da travesía de Praia América. Para iso, construirase unha senda duns 300 metros, que fará chegar a senda actual ata o comezo do paseo existente ata Baiona.

A senda, que será de uso mixto, para peóns e ciclistas, terá un ancho de 2,5 metros e estará separada da estrada por unha banda vexetal e a beiravía, para o que se ampliará a calzada pola marxe dereita ata o límite do dominio público, sen ser necesarias expropiacións. Tamén se mellorará o firme e renovarase a beirarrúa da marxe esquerda.

Ademais, aproveitaranse estes traballos para realizar outras actuacións complementarias na rede de drenaxe para as augas pluviais; substituír a iluminación, no lado esquerdo; e realizar a canalización para a instalación de futuros servizos.

Senda entre Gondomar e A Ramallosa

Por outra parte, na reunión de hoxe, a conselleira tamén informou aos rexedores das melloras introducidas no proxecto de construción da nova senda que se executará entre Gondomar e A Ramallosa, na estrada PO-340.

Vázquez Mourelle subliñou que se trata dun proxecto ambicioso que inclúe 3,5 km de senda peonil e ciclista na que se investirán arredor de 1,5 millóns de euros. Precisou que esta actuación xa se someteu a información pública e prevese iniciar a contratación das obras antes do verán.

O itinerario terá un ancho aproximado de 2 metros e estará separado da calzada por unha zona axardinada, ademais de bordos de formigón onde sexa posible. Elevarase uns centímetros respecto á cota da estrada e executarase en formigón coloreado, co obxectivo de incidir na súa diferenciación visual.

Para garantir a funcionalidade da nova senda, acometeranse melloras en tres interseccións: coa rúa Vilariño, próxima ao IES Escolas Proval, construirase un cambio de sentido con carril central para facilitar os xiros; no cruzamento coa estrada a Golada, próximo ao centro de saúde Val Miñor, converterase en semicircular a isleta existente para permitir os cambios de sentido; e no cruce coa estrada a Donas executarase unha glorieta, tal como formularon os concellos, para facilitar os xiros á esquerda.

A conselleira fixo fincapé nestes dous proxectos que pretenden facilitar os percorridos, a pé e en bici, dos veciños e dos turistas que se achegan a Nigrán e a Gondomar; ao tempo que se promove unha mobilidade sustentable e se incide no reforzo da seguridade viaria.

Estas actuacións están enmarcadas no Plan de sendas na comarca de Vigo, no que a Xunta recolle un investimento de 4,3 millóns de euros para a construción de case 13 quilómetros de itinerarios seguros e sustentables.

27 de marzo de 2017 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.