publicidade hoxe

A Xunta aproba o PXOM de Soutomaior que pon en valor os espazos públicos e o patrimonio natural do concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSoutomaior
A-
A+
Beatriz Mato no acto de sinatura da aprobación do PXOM

Beatriz Mato no acto de sinatura da aprobación do PXOM

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de outorgar a aprobación definitiva ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Soutomaior. Trátase dun importante avance para o concello, que ata o momento carecía de planeamento propio e rexíase polas Normas subsidiarias de planeamento municipal do ano 1989.

A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, asinou hoxe a orde de aprobación definitiva deste instrumento de ordenación no transcurso dunha encontro co alcalde da localidade, Agustín Reguero, ao que felicitou polo traballo realizado e por facer que Soutomaior conte cun plan xeral adaptado á Lei do Solo e que porá fin a unha normas subsidiarias aprobadas hai case tres décadas.

A conselleira destacou, entre outros avances, que o planeamento pon en valor o patrimonio natural e paisaxístico do concello, pois máis do 80 por cento do termo municipal cualifícase como solo rústico maioritariamente de especial protección; e contrarresta o déficit de espazos públicos e zonas verdes de dominio e uso público. Ademais, estrutura os 29 núcleos rurais delimitados en base á parroquia como institución básica de ordenación completada pola figura dos barrios, que agrupan diversos asentamentos próximos entre si.

Por outra banda, o novo PXOM –no que a Xunta colaborou con máis 87.000 euros- elimina os usos inadecuados nas distintas clases de solo, así, se incorporarán novos usos potenciando a oferta hoteleira e reducirase o solo industrial co obxectivo de “adaptalo á demanda real e ás posibilidades de xestión municipal”, explicou Beatriz Mato. No caso concreto da vila de Arcade, o solo industrial eliminarase por completo por contar con escasas opcións de crecemento e atoparse nunha situación de abandono.

Outro dos puntos relevantes do novo planeamento, segundo detallou Mato, é que serán aprobados 6 ámbitos de solo urbanizable delimitado, un deles constituía un asentamento xurdido á marxe do planeamento que o PXOM regulariza ao abeiro da disposición transitoria 13ª da LOUG. Tamén quedarán perfectamente identificados e delimitados os dous núcleos urbanos que son Soutomaior e Arcade.

O terceiro PXOM aprobado na actual lexislatura

Por último, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio lembrou que con este de Soutomaior son 3 os plans xerais de ordenación municipal que se aproban na actual lexislatura e 61 aprobados por este Goberno. Ademais, con Soutomaior suman xa 94 os concellos que dispoñen de PXOM “actualizado e de calidade”.

Mato insistiu en que a tramitación dun PXOM é un “traballo longo e nada sinxelo”, pero o Concello de Soutomaior logrou aprobalo na metade de tempo -3 anos e 4 meses, cando a media está arredor dos 6-. Así, “témonos que felicitar por acurtar os prazos e ter acadado estes resultados positivos”. “A nosa aposta –engadiu- ten sido traballar man a man cos concellos e así o temos feito co concello de Soutomaior”. Proba diso é o investimento de máis de 87.000 euros que a Xunta realizou “para apoiar aos técnicos municipais na redacción deste PXOM”.

Simplificar os trámites administrativos é parte do compromiso do Goberno galego cos concellos, por iso, ademais de aprobar o regulamento da Lei do Solo só seis meses despois da entrada en vigor desta norma -para dotar aos concellos de instrumentos sólidos e de seguridade xurídica-, creouse o informe único autonómico, que evita que os concellos teñan que solicitar informes sectoriais por separado e, ademais, fixa nun prazo de 3 meses para informar e entende o silencio administrativo como positivo.

14 de marzo de 2017 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.