publicidade hoxe

A Xunta aposta por promover a ocupación dos 35.000 metros cadrados de solo empresarial dispoñibles no Parque de Pazos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVerín
A-
A+

A Xunta de Galicia aposta por promover a ocupación dos 35.000 metros cadrados dispoñibles parque empresarial de Pazos, en Verín, antes de impulsar a urbanización do parque empresarial de Tamagos, no mesmo municipio. No caso de que, tal e como ten formulado, o Concello quera desenvolver, con financiamento municipal, unha actuación no parque empresarial de Tamagos, deberá acreditar que existe demanda empresarial para asentarse nese polígono, así como a viabilidade económica da proposta.

O concello de Verín presentou o ano pasado ante o Instituto Galego da Vivenda e Solo en 2016 unha iniciativa para desenvolver algo menos da metade da primeira fase do parque de Tamagos, aportando a Xunta os terreos da súa propiedade en dito ámbito.

Tras a presentación da proposta, o Instituto Galego da Vivenda e Solo solicitou que a mesma fose completada cun estudio que acreditase a demanda real existente, así como cunha revisión e xustificación detallada das partidas incluídas na avaliación económica da proposta e con un estudio económico–financeiro que confirmase a dispoñibilidade por parte do concello dos fondos necesarios para o seu desenvolvemento. Isto considerouse preciso porque o Concello presentou unha proposta para urbanizar pola súa conta unha parte da primeira fase do parque empresarial, incluíndo a expropiación dos terreos que non sexan propiedade da Xunta de Galicia.

A documentación solicitada entón non foi recibida na Xunta, polo que resulta imposible o estudo e análise da proposta municipal.

En calquera caso, a Xunta non considera prioritaria a actuación en Tamagos xa que na actualidade ofrece solo no parque empresarial de Pazos (Verín), onde dispón de máis de 35.000 metros cadrados con prezos bonificados no 50 por cento e a posibilidade de adxudicación en dereito de superficie, de maneira que as empresas interesadas dispoñen de solo na localidade a partir de 33 euros por metro cadrado en compravenda e por menos de 0,50 euros por metro cadrado e ano si a adxudicación se produce en forma de dereito de superficie.

A adxudicación en dereito de superficie, similar a un alugueiro con prezo reducido e opción de compra, realízase por un período de 30 anos prorrogable ata un máximo de outros 30 anos, cun canon anual equivalente ao 1,5% do prezo da parcela os dous primeiros anos, 2,5% os dous seguintes e 3,5% a partir do quinto. O primeiro ano pódese solicitar de carencia, de maneira que o prezo correspondente ao mesmo prorratearase nos cinco anos seguintes.

Os adxudicatarios de solo en dereito de superficie terán a opción de compra do mesmo durante os dez primeiros anos, descontando do prezo de venda o 40% do aportado en concepto de canon. No caso de que a opción de compra se execute nos seis primeiros anos, ademais do desconto do 40% do canon, aplicarase no prezo do solo unha bonificación equivalente á metade da bonificación vixente no momento da adxudicación en dereito de superficie.

22 de marzo de 2017 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.