publicidade hoxe

A Xunta apoia os obradoiros de emprego que primarán os sectores estratéxicos de cada concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSobrado
A-
A+

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, asistiu hoxe en Sobrado á clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego O fogar da montaña, un proxecto promovido tamén polos concellos de Curtis, Vilasantar, Boimorto, Toques e Mesía. No acto, Marnotes salientou a importancia deste tipo de iniciativas que, grazas á colaboración institucional, permiten mellorar a empregabilidade e ocupabilidade dos veciños naquelas áreas que teñen unha maior demanda.

Neste caso, un total de 20 alumnos traballadores adquiriron, durante os últimos 6 meses, as competencias necesarias para desenvolver a súa actividade profesional nas áreas de atención sociosanitaria, dirixida tanto a persoas no domicilio, como a persoas dependentes en institucións sociais. Grazas a este tipo de obradoiros, os participantes obteñen formación de calidade, acceden a un emprego con contrato e realizan obras e servizos para a comunidade. Precisamente a formación, capacitación e especialización é un dos eixos principais da Axenda 20 para o emprego.

O director xeral lembrou que, nos vindeiros días, o DOG publicará unha nova convocatoria por importe de 20,5 millóns de euros, o que supón un incremento do 50% con respecto á edición anterior, que beneficiará a 1.600 persoas. Entre as novidades da convocatoria deste ano está, precisamente, a especial valoración da relación entre a iniciativa e o tecido empresarial da zona onde teña lugar. Tamén se ampliará a súa duración ata os 9 meses, os concellos resultantes de fusións contarán con maior puntuación, primaranse proxectos relacionados coa Industria 4.0 e cos sectores estratéxicos e terán preferencia as persoas e colectivos que máis o precisen.

Por outra banda, explicou que a fixación de poboación no rural é un dos principais obxectivos do Goberno galego, xa sexa a través deste tipo de obradoiros ou doutras iniciativas, como o Programa específico de formación e emprendemento no rural, no que se investirán 30 millóns de euros para chegar a 13.000 persoas, que se beneficiarán dun total de 10 medidas adaptadas ás necesidades destas zonas.

2 de marzo de 2017 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.