publicidade hoxe

A Xunta apoia con 600.000 euros a economía rural cunha convocatoria de espazos activos de emprendemento comercial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs Neves
A-
A+

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, acompañada polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá nas Neves o espazo de emprendemento comercial desta localidade, unha actuación que contou cun apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria de 34.000 euros. Esta iniciativa permitiu a habilitación de cinco locais comerciais para dar a coñecer produtos da zona como lamprea, viños, requeixo e mel ademais dun espazo coworking para a venda online.

O apoio a esta iniciativa enmárcase no programa de impulso aos Espazos activos de emprendemento comercial no rural, do que hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a segunda convocatoria e que ten por obxectivo apoiar aos concellos para a adecuación de instalacións de uso comercial e que os emprendedores poidan exercer neles a súa actividade tanto en prazas de abastos como noutro tipo de instalacións.

En 2017 está previsto destinar un total de 600.000 euros a iniciativas que poderán contar cunha axuda de ata o 70% ou un máximo de 70.000 euros por proxecto. Os interesados poderán solicitar a súa participación neste proceso de concorrencia competitiva desde mañá e por prazo dun mes. Estas axudas súmanse ás que a Consellería de Economía, Emprego e Industria concedeu, na primeira convocatoria, a 9 concellos galegos de menos de 20.000 habitantes cun investimento de máis de 425.000 euros.

O programa de Espazos activos de emprendemento comercial no rural prioriza as iniciativas que se desenvolven nos municipios máis pequenos, así como aquelas que incorporan máis espazos para a comercialización de produtos locais. Ademais, primáronse os proxectos que incorporan un maior número de puntos de venda, a adopción de medidas de Responsabilidade Social Empresarial, a utilización das novas tecnoloxías ou a supresión de barreiras arquitectónicas, ademais da incorporación de enerxías alternativas ou a reciclaxe ou eliminación de residuos.

Os concellos que poñen en marcha un Espazo Activo deben desenvolver ademais actuacións de difusión, asesoramento e formación dirixidas ás persoas interesadas na iniciativa, contemplando aspectos como o aumento da rendibilidade do posto de venda con técnicas de “visual merchandising”, a colocación do produto e a atención ao cliente.

A iniciativa dos Espazos activos de emprendemento comercial no rural enmárcase na aposta da Xunta por fixar poboación nas zonas menos poboadas de Galicia e aumentar as oportunidades laborais dos seus habitantes cun programa de formación e emprendemento nestas áreas que conta cun investimento de máis de 30 millóns de euros, un 20% máis que en 2016.

14 de marzo de 2017 | 19:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.