publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta amplía a duración das concesións das bateas de 30 a 50 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiroGaliciaLocal Portada
A-
A+

A Xunta vén de ampliar o prazo de duración das concesións de ocupación de dominio público marítimo-terrestre, fundamentalmente bateas de mexillón, de 30 a 50 anos, en consonancia coa Ley de costas del Estado e ao abeiro da Lei de medidas de acompañamento, que entrou en febreiro en vigor. Esta medida realízase, ademais de para adaptar a normativa autonómica á estatal, para incrementar a seguridade xurídica das empresas e dos inversores e para mellorar o desenvolvemento planificado da acuicultura do mexillón.

Así o explicou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante a visita a unha batea da Asociación de Produtores Mexilloeiros de Cabo de Cruz, en Boiro, onde estivo acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez. Alí a titular de Mar expuxo que a ampliación da duración das concesións se aplicará sempre e cando se cumpran unha serie de requisitos e en consonancia coa Ley de costas del Estado. Ademais sinalou que esta medida vén recollida na Lei de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.

Por outra banda, a titular de Mar, destacou o potencial do sector bateeiro como máximo expoñente da acuicultura en Galicia. Un sector, subliñou, ao que a Xunta lle quere dar a relevancia que ten. De aí, engadiu, que xa fose un eixo prioritario para o Goberno autonómico nas dúas lexislaturas anteriores. Nesta liña cabe lembrar que entre o 2009 e o 2015 o 80% das axudas á acuicultura se destinou ao sector mitilicultor. Ademais, a conselleira engadiu que na primeira lexislatura a Xunta puxo a cero os contadores das concesións bateeiras para que os seus donos puidesen seguir traballándoas.

Asociación de Mexilloeiros Cabo de Cruz

A Asociación de Produtores Mexilloeiros de Cabo de Cruz, Asmecruz, creouse en 1975, cando un grupo de bateeiros da parroquia de Cabo da Cruz, Boiro, se organizaron co fin de defender de forma conxunta os seus intereses. A asociación conta con 116 asociados e un total de 154 bateas.

15 de marzo de 2017 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.