publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta achega ao sector turístico os servizos do programa ReAcciona TIC

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Igape e a Amtega veñen de activar a segunda convocatoria do ano 2017 para a solicitude dos servizos do programa ReAcciona TIC, que permanecerá aberta ata o vindeiro 31 de maio. Coa finalidade de dar a coñecer as vantaxes que esta iniciativa pode achegarlles ás pemes, ambas entidades están a organizar un ciclo de xornadas sectoriais que comeza o próximo 15 de marzo, nas instalacións do Auditorio Emilia Pardo Bazán, en Sanxenxo, cun evento sobre “A dixitalización do turismo e os seus desafíos”.

A xornada do programa ReAcciona TIC sobre o sector turístico incluirá un relatorio sobre as claves da campaña Presume Galicia, por conta de Tono Mugico, CEO de Mr. Turismo, Marketing en Acción, xunto cun caso de éxito de Re-acciona da man de Nabia Naviera, onde a xerente, María Jesús Otero Acuña, contará a súa experiencia co programa. Tras estes dous relatorios, procederase á presentación dos servizos de Re-acciona TIC para o fomento da economía dixital nas Pemes. O evento pecharase cunha rolda de preguntas e unha sesión de networking para as persoas asistentes.
As xornadas sectoriais sobre o programa ReAcciona TIC, cofinanciado a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, están especialmente dirixidas a persoal directivo e responsables de departamentos en empresas (xerencia, compras, produción, finanzas etc.) de calquera sector. Para asistir cómpre inscribirse no enderezo de correo electrónico comunicacion@reacciona.igape.com ou a través do teléfono 986 419 922 (ext. 2030).

Estes encontros sectoriais levaranse a cabo entre os meses de marzo e maio en horario de mañá, de 10:00 a 11:30, e incluirán un relatorio marco protagonizado por unha empresa do sector protagonista e contarán coa experiencia concreta dunha empresa beneficiaria do programa Re-acciona.

Nova convocatoria de axudas Re-acciona TIC

Dende comezos deste mes está aberta unha nova convocatoria do programa Re-acciona TIC, que se prolongará ata o 31 de maio. Xa se concederon máis dun cento de servizos que se están a desenvolver en preto de cen pemes galegas. Entre os servizos máis demandados polo de agora están os de soporte á implantación de solucións de marketing dixital, os de mellora da xestión empresarial mediante solucións dixitais innovadoras e os de diagnose para a aplicación de solucións dixitais na empresa e para localizar capacidades e oportunidades mediante aplicacións de solucións 4.0. A información detallada sobre a iniciativa pode consultarse na web do propio programa http://reacciona.igape.es/.

Servizos de Empresa Dixital

No ámbito da empresa dixital o Programa ReAcciona TIC ofrece servizos de elaboración da diagnose para a aplicación de solucións dixitais na empresa, así como, de soporte á implantación de solucións dixitais de mobilidade, de mellora da xestión empresarial ou de márketing dixital.

Coa oferta destes servizos a Xunta busca contribuír a mellorar o futuro das empresas galegas mediante a adquisición de novas competencias e incorporación de tecnoloxías que permitan ás empresas gozar de vantaxes competitivas, da man dunha rede de axentes colaboradores especializados, integrada por empresas tecnolóxicas, que as asesoran e acompañan en todo o proceso.

Servizos Empresa 4.0

ReAcciona TIC ofrece tamén un catalogo de solucións para impulsar a Empresa 4.0 con servizos orientados a establecer novas fórmulas de produción e a impulsar a fabricación de produtos diferenciados e de calidade a través de novos modelos e procesos de deseño, creación e distribución.

Deste xeito, as pemes poden acceder á asesoramento especializado para avaliar a súa capacidade e as oportunidades ao seu alcance para aplicar solucións de Industria 4.0, que lles permitan unha maior flexibilización, automatización, interconexión e sustentabilidade dos contornos produtivos.

13 de marzo de 2017 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.