publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A sexta edición de ‘FalaRedes’ inicia a súa andaina coa actividade ‘A galiña azul’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+
Valentín García na presentación da actividade "A galiña azul"

Valentín García na presentación da actividade “A galiña azul”

A sexta edición do programa de dinamización lingüística que impulsa a Xunta de Galicia, por medio da Secretaria Xeral de Política Lingüística, nos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) inicia estes días a súa andaina polas catro provincias galegas coa nova actividade ‘A galiña azul’. Está destinada ao lecer de calidade no noso idioma e percorrerá, ata finais de abril, 21 localidades galegas.

Así o deu a coñecer esta mañá en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen sinalou que ao seu departamento lle “comprace especialmente abrir unha nova edición de FalaRedes, no ano Casares, coa súa obra A galiña azul, coa que este narrador quixo poñer o seu gran de area na tarefa de transmisión do galego ás novas xeracións e de divulgación da importancia da diversidade lingüística e cultural. É a mesma tarefa, son os mesmos obxectivos que nos guían hoxe cando poñemos en marcha actividades de dinamización do noso idioma para os máis novos”.

Logo de facer parada a pasada fin de semana en Valga, Vilagarcía de Arousa, Ribeira, Ferrol e Melide, con grande éxito de acollida de público, chegará mañá a Foz (á Casa da Cultura Poeta Manuel María) e pasado mañá a Mondoñedo (á Casa da Xuventude), en ambos os dous casos ás 18:30 horas. García Gómez estivo acompañado polo director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro; pola actriz e narradora oral Ana Carreira e mais polo director comercial de Galaxia, Xulio Amigo.

‘A galiña azul’

Sen deixar de servir aos obxectivos de promoción do galego que guían desde sempre este programa de dinamización lingüística, a actividade ‘A galiña azul’ constitúe tamén unha homenaxe ao autor a quen a Real Academia Galega lle dedica este ano o Día das Letras Galegas: Carlos Casares. Trátase dunha adaptación teatral do libro de relatos homónimo escrito por Casares destinada a público de 6 a 10 anos e ás súas familias.

‘A galiña azul’ contén cinco historias entrelazadas que transmiten mensaxes tan importantes como a defensa da diversidade lingüística, a importancia das diferenzas ou a liberdade de expresión. Para iso, a compañía responsable da adaptación, Ubú Teatro, emprega diferentes técnicas, como a narración oral, a manipulación de monicreques ou o clown. Cada familia asistente recibirá, ao finalizar a representación, un exemplar do libro de Carlos Casares A galiña azul en edición especial para a RDL.

Baixo xestión de Editorial Galaxia, esta actividade do ‘FalaRedes’ poderase gozar, en exclusiva, esta primavera en 21 concellos galegos. Coma sempre no FalaRedes, a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

‘FalaRedes 2017’

A sexta edición do programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do ‘FalaRedes’ percorrerán os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades adscritas. Nas cinco edicións anteriores do programa foron preto de 800 as actividades programadas para públicos de todas as idades.

Toda a información sobre a nova edición xa está dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes), nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.

9 de marzo de 2017 | 16:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.