publicidade hoxe

A Fundación TIC entrega aos veciños de Guitiriz copias da curtametraxe A Chave de Bascuas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGuitirizLugo
A-
A+

O Padrón da Fundación TIC e Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, acompañado da Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, entregou este venres, na Casa Habanera, 1.500 copias da curtametraxe A Chave de Bascuas aos veciños do municipio. Álvaro Santos subliñou “o interese da Fundación TIC en achegar ao pobo de Guitiriz un traballo de calidade froito do talento do mozo deste municipio, Bruno Penas, que se formou na Escola de Imaxe e Son de Lugo”. “Coa difusión e promoción da película, baseada nunha tradición ancestral da aldea de Bascuas, a TIC e o Concello de Guitiriz tentan preservar o patrimonio inmaterial e a recuperación da memoria a través das tradicións, como legado ás xeracións vindeiras”, engadiu Santos.

A TIC cos seus titulados

A FundaciónTIC participou dende o principio na produción da Chave de Bascuas, idea orixinal do guitiricense Bruno Pena, na que traballaron outros tres titulados da EIS, coa prestación de apoio técnico e a participación de bolseiros e estudantes en prácticas, durante a súa rodaxe.

Á estrea da película, que tivo lugar o pasado mes de outubro, no Balneario de Guitiriz, asistiron máis de 300 persoas ás que hai que engadir os preto de douscentos asistentes a dúas sesións posteriores, na Escola Habaneira. Dende entón, as proxeccións continuaron noutros centros, coma o CEIP Lagostelle de Guitiriz, onde o seu director, Bruno Pena, acudiu a presentala xunto ao coordinador da Asociación Xermolos, Alfonso Blanco.

Tradición Ancestral

A Chave de Bascuas está baseada nunha tradición ancestral segundo o cal as persoas ou animais con rabia podían curarse cunha chave que se conserva na capela de Bascuas, na parroquia de San Salvador. Ao parecer, existían dúas chaves que se queimaban ata poñerse incandescentes para marcar na fronte ao afectado, e liberalo da doenza.

A curta formou parte dun proxecto de fin de grao, que contou coa colaboración do Concello de Guitiriz, da Asociación Xermolos e varias empresas co fin de dar a coñecer este costume case esquecido na bisbarra de Guitiriz, que se mantivo grazas á tradición oral.

Neste caso, o uso da chave de Bascuas para a curación da rabia desapareceu na segunda metade do século pasado, aínda que a día de hoxe viven unha das derradeiras persoas marcadas e a que poñía a chave, o marcador.

A curtametraxe, duns 15 minutos de duración, reflicte como era a vida na aldea de Bascuas, e en Galicia en xeral, nos anos 20 do século anterior, as festas, vestimentas, e os costumes da época.

13 de marzo de 2017 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.