publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A frota de cerco galega incrementou o volume de descargas nun 51% desde o ano 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Rosa Quintana na clausura da xornada sobre pesca do cerco. Foto: M. Fuentes

Rosa Quintana na clausura da xornada sobre pesca do cerco. Foto: M. Fuentes

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, clausurou hoxe na Coruña a I Xornada sobre a pesca do cerco A incidencia do reparto de cotas no sector do cerco, organizada pola Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (ACERGA). Alí destacou que esta frota incrementou as súas descargas nun 51% dende o ano 2013, pasando de 34.000 toneladas a 52.000 toneladas no ano 2016. Neste período tamén aumentou a facturación nun 15%, acadando os 36 millóns de euros no 2016, fronte aos 31 millóns de euros de 2013.

A titular de Mar destacou o esforzo realizado pola frota do cerco e polas demais frotas no desenvolvemento da súa actividade e a importancia do traballo conxunto para incrementar as posibilidades de pesca. Neste sentido subliñou que “a mellora das posibilidades de pesca para todas as frotas en conxunto é un dos eixos fundamentais da administración galega nesta lexislatura”.

Un fin, sinalou, que “dá continuidade ao traballo que se vén desenvolvendo, sempre previa negociación e diálogo cos representantes do propio sector” e para o que é clave “o desenvolvemento dunha estratexia ante a Unión Europea capaz de facer valer unha suba xeral das cotas de pesca”. Como exemplo de resultados do traballo realizado, a conselleira do Mar destacou que dende 2012 as posibilidades de pesca globais de España se incrementaron en case 100.000 toneladas e o seu valor en máis dun 100%.

Ademais Rosa Quintana explicou que o aumento das cotas de pesca “radica na necesidade de variar o reparto de cotas establecido mediante o mal chamado principio de estabilidade relativa”, que entra en contradicións coa aplicación da Política Común de Pesca (PCP), explicou. Para iso é clave, incidiu, “contar con sólidos argumentos técnicos, socioeconómicos e ambientais e cunha estratexia xurídica firme que permita centrar a acción legal nun obxectivo claro e factible de conseguir”. Neste sentido, puxo como exemplos de incoherencia co principio de estabilidade relativa, a premisa de descartes cero que establece a PCP e a ineficiencia dalgúns Estados membros no uso das cotas asignadas.

Nesta liña de traballo, a conselleira do Mar valorou o Brexit como “un novo reto que temos por diante e a ocasión ideal para revisar o principio de estabilidade relativa como criterio de reparto dos TACs e cotas”. Así, explicou “que as situacións que se tiveron en conta para adoptar eses principios cambiarán, o que nos permitiría poder obter beneficios importantes para o futuro de todo o sector pesqueiro galego”.

Con este obxectivo, subliñou Rosa Quintana, a Xunta seguirá traballando en diferentes vías. Unha delas, avanzar, da man do Goberno central, na mellora da xestión das cotas no eido interno, de forma que se eviten consumos prematuros ou especialmente gravosos pola época do peche. Outra é fomentar unha distribución anual o máis equitativa e beneficiosa posible en termos de comercialización, que permita vender mellor. A estas dúas súmase a de defender o aproveitamento de posibilidades como as cotas transferibles e o intercambio das mesmas con aqueles Estados que non as empregan, entre outras.

Neste sentido, salientou que dende a Xunta “apostamos fortemente polo aproveitamento íntegro das cotas de pesca e colaboramos activamente co Goberno central na mellora da súa xestión, de maneira que permitan maiores posibilidades de pesca ao conxunto da nosa Comunidade”.

20 de marzo de 2017 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.