publicidade hoxe

A Deputación publicará unha escolma xeográfica da obra de Pondal polo centenario da súa morte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaPonteceso
A-
A+

A área de Cultura da Deputación de Coruña publicará unha antoloxía xeográfica de Pondal elaborada por Manuel Ferreiro, o principal especialista na obra do escritor, con motivo do centenario da súa morte que se cumpre hoxe 8 de marzo. Ademais, a Deputación colaborará coa Fundación Pondal nos actos de conmemoración do centenario da morte do poeta nacido en Ponteceso.

Co título “Esta é a terra dos eidos amigos”, o escritor Manuel Ferreiro asina a “escolma xeográfica” da poesía pondaliana nun libro que sairá publicado en breve pola Deputación da Coruña, para conmemorar o centenario da morte do escritor.

A obra consiste mapa poético-simbólico do escritor do mundo galego que nace en Bergantiños. “A terra bergantiñá, e con ela as súas prolongacións pola terra de Xallas, Soneira e grande parte de Fisterra constitúe xa un universo xeográfico ligado definitivamente a Eduardo Pondal”, sinala Manuel Ferreiro no prólogo da antoloxía que publicará a Deputación da Coruña.

“A antoloxía elaborada por Manuel Ferreiro é un luxo de guía literaria, en especial, polas terras de Bergantiños; de Fisterra, Soneira e Xallas, mais tamén de cidades como Santiago ou a Coruña, con grande pegada literaria. A obra constitúe un modelo de relación do territorio coa literatura como ferramenta fundamental de identificación simbólica e promoción turística a través, neste caso, da poesía”, afirma a vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.

A antoloxía artellarase cun primeiro apartado dedicado aos poemas que falan do espazo xeográfico pondaliano, os lugares, os ríos, os montes ou a costa. A seguir, a obra deterase nas composicións centradas en monumentos megalíticos da “nazón de Breogán” para pasar no seguinte capítulo a recoller textos que glosan figuras con nomes que se basean en topónimos da mesma zona. Finalmente, o libro do que é autor o profesor da Universidade da Coruña, Manuel Ferreiro, indiscutíbel especialista na obra pondalina, remata con poemas con presenza das dúas cidades que teñen presenza no universo do poeta, Santiago de Compostela e A Coruña.

Ademais, a área de Cultura da Deputación da Coruña participará tamén nos actos do centenario convocados pola Fundación Pondal.

8 de marzo de 2017 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.