publicidade hoxe

A Deputación investirá máis de 1.200.000 euros na ampliación da estrada de Confurco a Orro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCulleredo
A-
A+

A Deputación da Coruña investirá 1. 215.705 euros na ampliación da plataforma, a creación dunha senda peonil e diversas reparacións na estrada DP0510, que enlaza o núcleo de Confurco, en Culleredo, con Orro, xa no termo municipal de Arteixo.

Estas obras enmárcanse dentro da primeira fase do Plan de Investimento en Vías Provinciais 2017, dotado cun presuposto total de 2.498.180 euros, e que será sometido á aprobación do Pleno que se celebrará o vindeiro 31 de marzo.

Con este investimento, a Deputación pretende continuar mellorando as prestacións e aumentando o ancho das estradas de titularidade provincial, que conforman unha rede de máis de 2.000 quilómetros.

No caso da DP0510, o proxecto contempla a reparación da estrada desde o seu comezo, na intersección coa tamén vía provincial DP3109, ata o punto quilométrico 2+940, mellorando o acceso ao Club de Campo de A Garrocha, os núcleos de Figueiras e Caiñás, e as diversas vivendas situadas neste tramo de preto de 3 quilómetros.

Na actualidade, esta vía ten un ancho medio de cinco metros e carece de beiravías, o cal impide unha correcta seguridade viaria. Para solventalo, ampliarase a plataforma para dotala de dous carrís de tres metros cada un e de beiravías de medio metro, así coma de cunetas de seguridade.

Co obxectivo de favorecer o tránsito dos viandantes entre os diversos inmobles que se sitúan a ambos marxes da estrada, tamén se creará unha senda peonil de dous metros de ancho ao longo da totalidade da estrada. Ademais, nas zonas onde o ancho da vía o permite, aproveitarase para a creación dun aparcamento en batería.

O proxecto tamén prevé a mellora dos accesos e interseccións, a modificación das curvas con radio moi reducido e a execución dunha nova glorieta á altura do punto quilométrico 2+000, co fin de favorecer os cambios de sentido e de eliminar os puntos con alta perigosidade tanto para o tráfico rodado coma para os viandantes.

Mellora do cruce de Lubre, en Bergondo

No concello de Bergondo, a Deputación inviste 38.945 euros para mellorar a intersección da estrada DP0803, de Riomaior a Obra do Paño, coa DP0813, de Sada a Armuño.

O obxectivo é mellorar a seguridade viaria, facilitando os xiros e ordenando o tráfico, na intersección en forma de Y que se sitúa no lugar de Lubre. Para elo, construiranse varias isletas e unha rotonda e potenciarase a sinalización tanto vertical coma horizontal de toda a intersección.

O proxecto da Deputación tamén inclúe a mellora da iluminación e a dotación dunha capa de mestura asfáltica en quente para reparar o firme tras as obras.

28 de marzo de 2017 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.