publicidade hoxe

A Deputación impulsa o certificado de calidade SICTED entre o sector turístico de Cangas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra impulsa ao longo deste ano un plan de asesoramento gratuíto entre as empresas turísticas da provincia para implantar o certificado de calidade SICTED. O deputado de Turismo, Santos Héctor, subliñou hoxe nunha sesión informativa sobre o proxecto, que se celebrou na localidade de Cangas, que o obxectivo é aumentar nun 25 por cento as empresas certificadas ao longo do presente ano na provincia. Santos Héctor estivo acompañado na presentación pola concelleira de Turismo de Cangas, Tania Castro; a empresaria Merchi Rodal e Arturo Sampedro, da consultora que implanta o SICTED.

Segundo destacou Santos Héctor “queremos converter esta comarca nun referente como destino turístico e implantar sistemas que certifiquen a calidade dos nosos establecementos e servizos turísticos suporá dar un plus de excelencia a Cangas e todo o Morrazo”.

O deputado de Turismo destacou que neste intre existen 203 empresas na provincia que contan co certificado SICTED e que a previsión é que este ano se superen as 250, tal e como se puxo xa de manifesto nas sesións de presentación deste proxecto levadas a cabo con anterioridade en Pontevedra e Vigo. De feito, Santos Héctor subliñou que nestes primeiros encontros co sector a demanda dos interesados está sendo moi importante achegándose as 25 empresas que solicitaron a súa inclusión no SICTED.

Pola súa parte, Merchi Rodal del “Hotel y Apartamentos Rodeimar”, que xa conta co seu certificado SICTED, subliñou a súa propia experiencia que o principio parecía un proxecto complicado de levar a cabo pero que finalmente os requisitos que esixe a certificación serven para unha mellor xestión da propia empresa.

Arturo Sampedro, responsable da empresa consultora que vai implantar a certificación, insistiu en que a metodoloxía e os requisitos son esixidos pola Secretaría de Turismo do goberno de España, que é quen finalmente outorga a distinción.

Para poder optar á certificación, as empresas deben estar englobadas nalgún dos 32 oficios que identifica o SICTED, que son praias; bares e cafeterías; axencias de viaxe; guías turísticos; seguridade cidadá; comercios; cámpings; adegas; portos deportivos; palacios de congresos; hoteis e apartamentos; turismo industrial; servizos de limpeza; taxis; albergues; convention bureaux; outros servizos; aloxamentos rurais; artesáns; atraque de cruceiros e ferries; servizos turísticos de saúde; empresas de transporte turístico; estacións de esquí e montaña; espazos naturais protexidos; oficinas de información turística; museos e centros de interese turístico; empresas de turismo activo; escolas de español para estranxeiros; aluguer de vehículos e embarcacións de recreo; campos de golf e campos de pitch&putt; restaurantes e empresas turísticas de catering.

As empresas terán ate o próximo día 14 de setembro para adherirse ao proxecto. Posteriormente, abrirase un proceso de formación e asesoramento individual a cada empresa para concluír coa avaliación final. Por último, será Turismo Rías Baixas quen valora as propostas que finalmente obteñan a certificación .

30 de marzo de 2017 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.