publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación de Pontevedra impulsa a loita contra a violencia machista no Porriño con “Mulleres en acción: violencia zero”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO PorriñoPontevedra
A-
A+

A deputada de Cohesión Social da Deputación de Pontevedra, Digna Rivas, e o deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, asistiron esta mañá no Porriño a unha nova intervención artística do proxecto “Violencia zero”, unha mostra itinerante que está a percorrer 25 concellos da provincia e que quere, a través da cultura, contribuír á loita contra as violencias machistas que sofren as mulleres. A acción que tivo lugar no Porriño chámase “Non me queiras así”, unha performance a cargo de Sandra Bejarano, artista muldisciplinar, repleta de imaxes e metáforas visuais cargadas de connotacións e dobres sentidos, cun potente dramatismo na que a percepción desempeña un papel importante.

Digna Rivas asegurou que, “a través desta acción artística, queremos impulsar conxuntamente, Deputación e concellos, a loita contra a lacra social da violencia machista, que en menos de tres meses xa deixou preto de 20 mulleres asasinadas, preto de 1.000 se contamos os últimos quince anos, e ás que hai que lles sumar todas as que sofren malos tratos físicos e psicolóxicos por parte das súas parellas e ex parellas”.

Ademais, a deputada provincial fixo un chamamento para que “todas as administracións públicas, de forma unánime e rotunda, traballen da man para impulsar un pacto de Estado que avance contra esta lacra, porque non podemos deixar que pase máis tempo sen que a violencia machista sexa un asunto prioritario para o Estado”. Por iso, engadiu Digna Rivas, “este proxecto artístico pretende facer un chamamento a toda a sociedade para que todas xuntas e xuntos, unidas e unidos, consigamos violencia cero contra as mulleres”.

A segunda edición de “Mulleres en Acción: violencia zero” amplíase este ano a 25 accións en 25 concellos, en homenaxe ao 25 de novembro. As accións, que se desenvolven a razón de dúas ao mes, de novembro a outubro de 2017, culminarán cun grande acto final, en novembro deste ano. Ata o momento as intervencións artísticas xa se puideron ver en Marín, Tomiño, Ponteareas, Cambados, Nigrán e A Estrada, antes de chegar ao Porriño. Esta mesma semana continuarán en Cuntis e, posteriormente, dirixiranse a Bueu, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Poio, O Grove, A Guarda, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cangas, Vila de Cruces, Silleda, Salceda de Caselas, Meaño e Tui.

6 de marzo de 2017 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.