publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra destina 110.000 euros a axudas para actividades de dinamización da lingua galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Xunta do Goberno provincial aprobará na súa sesión de mañá as bases das axudas para a realización de actividades de dinamización da lingua galega no ano 2017. A estas axudas poderán concorrer entidades sen fins de lucro, que deben presentar as solicitudes entre o día seguinte da publicación do extracto no BOPPO e o 25 de abril. Esta convocatoria está dotada cunha partida orzamentaria de 110.000 euros.

A liña de dinamización do galego, que fora convocada no ano 2016 por primeira vez, busca fomentar as actividades encamiñadas á dinamización do galego realizadas por entidades sen ánimo de lucro, co fin de promover o uso do idioma no ámbito socioeconómico. Para acadar estes fins contempla o financiamento de actividades en catro apartados. O primeiro deles, baixo o epígrafe ‘fomento da creación e da difusión cultural en lingua galega’, inclúe certames literarios e xornalísticos, creación audiovisual e literaria, e feiras e eventos que promocionen a creación en lingua galega. O segundo, denominado ‘sociolingüística e toponimia’, engloba estudos e publicación sobre sociolingüística, e xornadas e publicación de recuperación da toponimia. O terceiro, denominado ‘fomento do emprego do galego no comercio e na industria’, vai encamiñado a promover xornadas, campañas e publicacións para a dinamización comercial en lingua galega. E o cuarto, ‘recoñecementos e distincións’, acolle actividades, accións e publicacións relacionadas coa conmemoración das Letras Galegas ou que recoñezan o labor de persoas ou colectivos que aposten polo galego.

Desta convocatoria quedan expresamente excluídas as viaxes de lecer, as excursións, as festas gastronómicas e as festas populares, así como os gastos gastronómicos -agás cando garden relación directa coa actividade e sexan necesarios para o seu desenvolvemento-. Tamén se exclúen as actividades subvencionadas no mesmo exercicio a través doutras convocatorias de subvencións ou plans provinciais da Deputación; os gastos de funcionamento das entidades, os gastos correntes, os gastos de persoal da propia entidade e as actividades xerais que se realizan ao longo de todo o ano.

Para solicitar estas axudas, as persoas físicas e xurídicas deben carecer de fins de lucro e desenvolver as súas actividades no ámbito territorial da provincia de Pontevedra -aínda que excepcionalmente poden ser de fóra da provincia se as actividades versan sobre temas de interese para a provincia-. Non poderán beneficiarse destas subvencións as ANPAS nin as asociacións que teñan pendente de xustificar subvencións concedidas no exercicio anterior no mesmo programa.

Para a adxudicación destas subvencións, as bases reguladores contemplan catro criterios: a difusión da actividade, segundo sexa de ámbito local, provincial, nacional ou internacional; o orzamento total da actividade; a porcentaxe solicitada de financiamento; e adecuación da actividade ai interese provincial.

23 de marzo de 2017 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.