publicidade hoxe

A Deputación da Coruña renovará as pistas de atletismo de Elviña realizando un investimento de 200.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+

A Comisión de Deportes e Mocidade da Deputación da Coruña vén de aprobar un convenio coa Universidade da Coruña (UDC) para financiar as obras de renovación da pista de atletismo e o complexo deportivo de Elviña. Este proxecto será remitido á aprobación do Pleno, que se celebrará o vindeiro venres 31 de marzo.

A institución provincial destinará un total de 200.000 euros, o cal supón preto do 42% do custo total das obras, co obxectivo garantir as condicións de seguridade e comodidade necesarias para o seu uso en adestramentos e eventos deportivos vinculados a distintas disciplinas relacionadas co atletismo, coma carreiras, salto de altura, con pértega ou de lonxitude.

Na actualidade, o firme da pista atópase moi deteriorado, cun visible desgaste na capa de pavimento e gran cantidade de baches e irregularidades, facendo inviable a súa correcta utilización e supoñendo un risco para a práctica de calquera deporte.

As obras consistirán na renovación dos firmes da pista de atletismo en todo o anel, cunha técnica denominada “retoping”. Este proceso inclúe o pulido e a descontaminación de toda a superficie mediante unha lixadora industrial específica con fresas de diamante. Posteriormente, aplicaranse resinas de poliuretano para reparar as zonas deterioradas e lixarase de novo a superficie.
O proxecto inclúe tamén o pintado e sinalización da pista e a substitución do equipamento deportivo.

Novo acceso e eliminación de barreiras arquitectónicas

En paralelo ás obras na pista de atletismo, crearase un novo acceso ao complexo deportivo do Campus de Elviña, situado baixo as gradas das pistas.

Na actualidade, só existe unha entrada a través do peche perimetral do recinto, que é utilizada tanto polos usuarios do ximnasio como polo público asistente ás competicións e eventos deportivos. Isto obriga ao persoal a desprazarse ás zonas de paso para controlar a entrada, e dificulta o uso do ximnasio por parte dos usuarios nos momentos de gran afluencia de público previos ás competicións.
O novo acceso consistirá nunha escaleira na fachada suroeste, cuberta cunha pérgola de aceiro laminado e chapa de aluminio, e dotada de acristalamento perimetral, para garantir a estanqueidade á choiva e unhas correctas condicións térmicas no interior.

As obras aproveitaranse para eliminar as barreiras arquitectónicas, favorecendo o acceso a usuarios co mobilidade reducida. Estas medidas incluirán a instalación dun vídeo porteiro con apertura eléctrica que franqueará o paso para os usuarios con mobilidade reducida.

27 de marzo de 2017 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.