publicidade hoxe

A Deputación da Coruña contribuirá á mellora ambiental da zona de A Espenuca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCoirós
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou hoxe unha visita institucional ao concello de Coirós, que se enmarca na rolda que está a realizar por todos os municipios da provincia.

O presidente provincial foi recibido á súa chegada polo alcalde, Francisco Quintela, e polos membros da corporación local, cos que analizou os investimentos realizados pola Deputación na localidade e estudou as súas demandas.

Formoso e Quintela visitaron o miradoiro da Espenuca, un dos puntos máis emblemáticos do concello, cuxa zona verde será rehabilitada proximamente grazas a unha achega de 23.600 euros da Deputación, co obxectivo de potenciar o seu uso entre os veciños, así como o seu atractivo turístico.

González Formoso destacou o investimento da Deputación para recuperar espazos verdes, a través do Plan de Medio Ambiente (PMA), dotado con 5 millóns de euros. Asemade, o presidente provincial insistiu na “gran potencialidade” da Espenuca, especialmente o miradoiro natural de preto de 300 metros de altitude, que permite ver o canón do Mandeo e gran parte da comarca de As Mariñas. Ademais do seu valor natural, este punto tamén conta cun grande interese cultural, posto que nel se atopa a ermida románica de Santa Eulalia, xunto a un campanario e un cruceiro.

O proxecto financiado pola Deputación contempla a limpeza das zonas verdes da Espenuca, incluíndo a poda das árbores e arbustos, para posteriormente tratar os taludes e os espazos vexetais, garantindo así o mantemento da vexetación.

As obras inclúen tamén a mellora da seguridade e accesibilidade, coa pavimentación dos sendeiros e a creación dunha rampla regulamentaria adaptada para persoas con mobilidade reducida.
A recuperación do miradoiro da Espenuca esperta gran interese entre a poboación e o tecido asociativo local, e xa foi obxecto de varios proxectos coma o levado a cabo o ano pasado pola Fundación de Custodia del Territorio Fragas do Mandeo, co obxectivo de reforestar as árbores autóctonas.

Senda peonil e ampliación da estrada de Chas a Ois

A posta en valor da zona da Espenuca por parte da Deputación complétase coa ampliación da estrada DP2702, de Chas a Ois, que da acceso ao miradoiro, e a creación dunha senda peonil en paralelo a esta vía que permite aos visitantes chegar a pé ata as inmediacións do miradoiro.

Os traballos, que remataron recentemente, consistiron na ampliación de dous metros da plataforma da estrada, remodelando o trazado para corrixir as curvas e mellorar a seguridade viaria. Ademais, arranxouse e repavimentouse o firme, posto que se atopaba moi degradado polo paso do tempo.

As obras tamén incluíron a execución dunha nova rede de pluviais, o retranqueo da liña eléctrica e a instalación de sinalización horizontal e vertical para regular o tráfico.

Por outra banda, a nova senda peonil conta con 1,50 metros de ancho e foi pavimentada con mestura bituminosa.

Impulso ao emprego

Durante a súa visita a Coirós, Valentín González Formoso destacou o “impulso ao emprego” no municipio grazas aos novos plans provinciais. En concreto, o presidente provincial referiuse ao Plan de Medio Ambiente, a través do cal se crearon dous postos de traballo nunha campaña de limpeza de espazos comúns.

Doutra banda, o Plan de Emprego Local, unha nova aposta do goberno provincial para fomentar o emprego cun investimento récord de 9 millóns de euros no 2017, permitiu contratar a 6 persoas que desenvolven tarefas municipais.

Visita a Emesa, empresa insignia do municipio

Valentín González Formoso aproveitou a súa visita ao concello de Coiros para coñecer a sede de Emesa, unha das maiores empresas asentadas no municipio.

Acompañado do presidente, Luis Mingos, e demais membros da directiva, González Formoso realizou un percorrido polas instalacións da empresa fundada 1958 na Grela, implantada en Coiros no 2004 e adquirida grupo Soil en 2015.

A actividade principal de Emesa consiste na elaboración de estruturas metálicas, entre outros servizos de enxeñaría nos que se inclúen o tratamento de augas e residuos. A empresa ten unha gran importancia no tecido económico de Coiros, posto que actualmente conta cunha plantilla de 150 traballadores e cunha facturación anual que ascende a 25 millóns de euros.

Durante a súa visita, González Formoso puido coñecer os procesos de fabricación estruturas metálicas singulares e torres de xeradores eólicos, polos que se caracteriza a empresa. Grazas a estas actividades, Emesa ten unha presenza internacional crecente, participando na elaboración de estruturas para a nova ponte de Os Peares, a terminal T4 do aeroporto Adolfo Suárez-Barajas, a Torre Picasso, a Cidade das Artes de Valencia ou as estacións de tren de Lieja (Bélxica), Lisboa (Portugal) e Utrech (Países Baixos).

Valentín González Formoso interesouse polas perspectivas e os plans de futuro da empresa e agradeceu ao presidente de Emesa a visita “para coñecer unha factoría que da mostra do gran potencial da provincia da Coruña”.

30 de marzo de 2017 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.