publicidade hoxe

A Deputación corta o tráfico na estrada provincial Gallas-Armenteira en Meis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMeisPontevedra
A-
A+

A Deputación iniciará este mércores as obras para garantir a seguranza viaria na estrada provincial EP-9406 entre Gallas-Armenteira ao seu paso polo lugar de Silván (Meis), onde se ten detectado un noiro de grande altura. Segundo indicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, para levar adiante os traballos é preciso cortar totalmente ao tráfico a estrada, co fin de excavar na zona de desmonte para despois mellorar a cimentación e construír o sobreancho e o muro necesarios.

O corte ao tráfico estará convenientemente sinalizado, establecendo desvíos alternativos para os vehículos, e durará dende este mércores 29 de marzo ata o vindeiro 12 de abril, ambos inclusive.

Segundo o deputado, construirase un sobreancho para permitir o paso de dous coches de forma simultánea. Conseguíronse as cesións de terreos de dous propietarios de fincas na zona, polo que a estrada, do lado do noiro actual contará con seis metros dende o eixo central. Para evitar futuros desprendementos construirase tamén muro de contención que reforzará a cimentación da vía.

O proxecto para mellorar a seguranza viaria da estrada púxose en marcha o pasado mes de outubro de 2016, cando os técnicos do departamento de Mobilidade detectaron a existencia do noiro e realizaron un informe para iniciar a súa reparación. A actuación de mellora quedou deseñada no mes de novembro e obtivo o visto bo do departamento de Contratación provincial no mes de febreiro deste ano. Finalmente, a actuación foi adxudicada por 54.822 euros o pasado 14 de marzo a Construcciones Vaqueiro.

27 de marzo de 2017 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.