publicidade hoxe

A Consellería de Educación investirá 940.000 euros na mellora enerxética do CPI de Mosteiro e no CEIP Vilaverde-Mourente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMeisPontevedra
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vai acometer este ano as obras de mellora enerxética do CPI de Mosteiro (Meis) e do CEIP Vilaverde-Mourente (Pontevedra) por un importe estimado de preto de 940.000 euros cofinanciados con fondos FEDER e repartidos a partes iguais entre os dous centros.

Así o anunciou esta mañá o conselleiro Román Rodríguez, nunha visita a ambos centros escolares, onde explicou que estas actuacións contémplanse dentro do plan de mellora da eficiencia enerxética que se puxo en marcha o ano pasado en toda Galicia e que continúan no presente exercicio, con actuacións en oito centros escolares a razón de dous por provincia, e que suporán un investimento de preto de catro millóns de euros. Na súa visita, o conselleiro estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

Nestes momentos, o departamento de Educación está redactando os proxectos técnicos tanto do CPI de Mosteiro coma do CEIP Vilaverde-Mourente, en Pontevedra, coa previsión de licitar as obras entre abril e maio e poder comezar os traballos este verán.

En ambos casos os traballos consistirán principalmente no illamento da fachada, a substitución das luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética con detectores de presenza nas zonas comúns; a substitución de falsos teitos por placas coas características acústicas axeitadas; e a reparación e pintado de paramentos interiores e zonas exteriores sen ladrillo cara vista. Non obstante, será o proxecto técnico definitivo o que determinará outras actuacións complementarias en cada un dos centros.

Para levar a cabo estas intervencións de aforro enerxético no eido educativo, -que se enmarcan dentro das actuacións financiadas pola Unión Europea para a redución do CO2-, a Consellería está a realizar estudos de extrapolación enerxética en diferentes centros de Galicia, de tal forma que se poida determinar as accións concretas para acadar este obxectivo tamén nos outros seis colexios nos que se vai actuar.

En calquera caso, boa parte delas consistirán na substitución de carpinterías metálicas -especialmente as máis antigas- e en arranxos das luminarias dos centros, que nalgúns casos non obteñen os parámetros axeitados de aforro enerxético.

13 de marzo de 2017 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.