publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Consellería de Educación investirá 467.000 euros na mellora enerxética do CPI Virxe do Monte, en Cospeito

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCospeito
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vai acometer este ano as obras de mellora enerxética no Centro Público Integrado (CPI) Virxe do Monte de Cospeito, por un importe estimado de preto de 467.000 euros cofinanciados con fondos FEDER.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o colexio, onde deu a coñecer esta medida, que supón unha reforma ambiciosa que reportará maior confortabilidade aos usuarios e un aforro considerable nos custes de mantemento.

A actuación afectará ás fachadas, carpinterías, luminarias e outros elementos das instalacións. Os técnicos da Xefatura Territorial realizaron hoxe unha visita a Cospeito para completar a información precisa para a redacción do proxecto.

A previsión é licitar as obras entre abril e maio para poder comezar os traballos este verán.

Unha das principais intervencións consistirá en instalar un sistema de illamento térmico na fachada e en todos os paramentos exteriores.

Ademais, procederase á substitución das luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética con detectores de presenza nas zonas comúns; a substitución de falsos teitos por placas coas características acústicas axeitadas; e a reparación e pintado de paramentos interiores. Non obstante, será o proxecto técnico definitivo o que determinará outras actuacións complementarias en cada un dos centros.

O CPI Virxe do Monte ten implantado o plurilingüismo, en concreto nos tres primeiros cursos de educación primaria. Ademais, desde o curso 2012-2013 forma parte da rede de centros Abalar, con catro aulas dixitalizadas, e foron entregados 90 netbooks, 37 para as etapas de educación primaria e 53 máis para educación secundaria.

Outros proxectos

Na provincia de Lugo procedeuse xa a executar os proxectos de mellora de eficiencia enerxética no CEIP Rosalía de Castro, en Lugo, e no CPI Luis Díaz Moreno, de Baralla, obras que foron licitadas o pasado mes de xuño por un importe global de 1.026.000 euros.

Para levar a cabo estas intervencións de aforro enerxético no eido educativo, -que se enmarcan dentro das actuacións financiadas pola Unión Europea para a redución do CO2-, a Consellería está a realizar estudos de extrapolación enerxética en diferentes centros de Galicia, de tal forma que se poida determinar as accións concretas para acadar este obxectivo tamén nos colexios nos que se vai actuar.

Durante a visita, o delegado estivo acompañado polo alcalde de Cospeito, Armando Castosa, e pola directora do centro, Esther Otero, entre outros.

14 de marzo de 2017 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.