publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Consellería de Educación investirá 467.000 euros na mellora enerxética do CEIP Lagostelle de Guitiriz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGuitiriz
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vai acometer este ano as obras de mellora enerxética no Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Plurilingüe Lagostelle de Guitiriz, por un importe estimado de preto de 467.000 euros cofinanciados con fondos FEDER.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o colexio, onde deu a coñecer esta medida, que supón unha reforma ambiciosa que reportará maior confortabilidade aos usuarios e unha redución considerable dos custes de mantemento.

Neste momento estase redactando o proxecto técnico, coa previsión de licitar as obras entre abril e maio para poder comezar os traballos este verán.

Deste xeito, a Consellería acometerá en breve dúas reformas de mellora enerxética en centros educativos da provincia, neste de Guitiriz e no CPI Virxe do Monte de Cospeito, que veñen a suamarse aos proxectos, xa rematados, do CEIP Rosalía de Castro CEIP, en Lugo, e no CPI Luis Díaz Moreno, de Baralla.

En conxunto, estas catro iniciativas suman un orzamento de preto de 2 millóns de euros. O delegado xustificou este esforzo inversor xa que “a Xunta quere fomentar o uso racional da enerxía e predica co exemplo, impulsando a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos seus propios centros”.

Balseiro engadiu que as medidas de eficiencia enerxética “teñen consecuencia directa no benestar dos usuarios e no aforro en gastos correntes, pero ademais, dende unha perspectiva máis ampla, é indispensable avanzar neste camiño cara a un desenvolvemento sostible”.

Actuacións

A actuación a desenvolver no CEIP Lagostelle afectará ás fachadas, carpinterías, luminarias e outros elementos das instalacións.

Unha das principais intervencións consistirá en instalar un sistema de illamento térmico na fachada e en todos os paramentos exteriores.

Ademais, procederase á substitución das luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética con detectores de presenza nas zonas comúns; a substitución de falsos teitos por placas coas características acústicas axeitadas; e a reparación e pintado de paramentos interiores. Non obstante, será o proxecto técnico definitivo o que determinará outras actuacións complementarias en cada un dos centros.

Para levar a cabo estas intervencións de aforro enerxético no eido educativo, -que se enmarcan dentro das actuacións financiadas pola Unión Europea para a redución do CO2, a Consellería está a realizar estudos de extrapolación enerxética en diferentes centros de Galicia, de tal forma que se poida determinar as accións concretas para acadar este obxectivo tamén nos colexios nos que se vai actuar.

Durante a visita, o delegado estivo acompañado pola alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, e o director do centro, Domingo Lodeiro, entre outros.

15 de marzo de 2017 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.