publicidade hoxe

A Axencia Galega de Infraestruturas analiza co alcalde de Mondariz as melloras en varias estradas autonómicas do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMondariz
A-
A+
Méndez e Cores Tourís na reunión co alcalde de Mondariz

Méndez e Cores Tourís na reunión co alcalde de Mondariz

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantiveron esta mañá unha reunión na Delegación de Pontevedra co alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Bugarín, co obxectivo de analizar melloras en varias estradas autonómicas do municipio.

Na reunión tamén estiveron presentes o xefe territorial de Infraestruturas de Pontevedra, José Luis Díez, así como un concelleiro de Mondariz.

O rexedor propuxo a eliminación de varias curvas na estrada que enlaza Mondariz con Pazos de Borbén, na PO-252, así como varias melloras na PO-261, que vai ata Covelo, e outras cuestións relativas á explotación das estradas autonómicas que atravesan este concello.

Precisamente, en relación á PO-261, a administración autonómica xa recolleu a demanda dos veciños dos barrios da avenida de Portugal, As Paredes e Ceo, para que se poñan en marcha medidas de redución da velocidade, xa que hai paradas de autobús e non hai beirarrúas. “A Xunta xa actuou en varios puntos desta estrada dentro da normativa vixente. O que pasa é que algúns das propostas presentadas hoxe polo alcalde non son viables ao non axustarse á normativa”.

Neste mesmo senso, o delegado recordoulle a Xoán Carlos Bugarín que recentemente visitou, invitado pola portavoz do PSOE de Mondariz, Marina Alfaro, a PO-252, para recoller as firmas dos veciños que solicitaban novas melloras de seguridade viaria nesta estrada. “Acompañáronnos nesa visita algúns dos propietarios dos terreos necesarios para a ampliación desta estrada dende Ponte do Val ata a igrexa parroquial, co obxectivo de reducir o impacto de varias curvas moi pronunciadas onde o risco de accidente é evidente”, explicou Cores Tourís.

Deste xeito, o delegado territorial instou ao concello de Mondariz a conseguir os terreos necesarios para a ampliación desta estrada.

“Cando se consigan as firmas de aceptación da cesión dos terreos ante o concello e iste os presente ante a Xunta, os técnicos da Axencia de Infraestruturas visitarán a zona para avaliar a obra e as afeccións”, explicou o delegado territorial.

9 de marzo de 2017 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.