publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Xunta e concello de Noia colaborarán na recuperación de vivendas do casco histórico desta vila

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNoia
A-
A+

A Xunta e o Concello de Noia buscarán fórmulas para establecer a colaboración de ambas administracións en actuacións directas de rehabilitación no casco histórico da vila coruñesa, tal como acordaron hoxe o director do IGVS, Heriberto García Porto, e o alcalde, Xosé Santiago Freire, que mantiveron unha xuntanza onde tamén falaron sobre a aplicación do Programa de Vivendas Baleiras.

En relación ao programa Rexurbe que leva a cabo o Goberno galego, que articula as actuacións directas de rehabilitación nos cascos históricos galegos, o departamento que dirixe Ethel Vázquez e o municipio noiés prevén actuar en edificios de vivendas do casco histórico propiedade do Concello. Este programa está xa en aplicación en municipios como Lugo e, en breve, permitirá rehabilitar varios edificios de vivendas no casco vello de Betanzos.

Deste xeito, durante a reunión, director do IGVS e o alcalde de Noia acordaron iniciar o proceso de análise e estudo das posibles actuacións a realizar no marco do Rexurbe. As actuacións directas que se realicen ao amparo deste programa complementarán as axudas para rehabilitación concedidas aos propietarios de vivendas no marco da Área de Rehabilitación Integral do Casco Histórico de Noia.

Na xuntanza, tamén trataron diversos aspectos da aplicación do Programa de Vivendas Baleiras, posto que o concello xa aprobou a solicitude de adhesión. Este sistema permite ofrecer vivendas baleiras en réxime de alugueiro a prezo reducido e con garantías para os propietarios grazas aos seguros de impago e multirrisco fogar subscritos pola Xunta. Ademais, os adxudicatarios de ditas vivendas poderán acceder ás axudas do Bono de Alugueiro Social cando cumpran os requisitos establecidos para o mesmo.

O Programa de Vivendas Baleiras é unha ferramenta que o Executivo autonómico pon a disposición dos concello, que xestionan tanto a incorporación de vivendas como a súa adxudicación. Actualmente, están adheridos ao mesmo 32 municipios de toda Galicia e outros sete están tramitando a súa incorporación.

1 de febreiro de 2017 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.