publicidade hoxe

Uns 600 alumnos de centros de ensino de Narón participarán en 25 obradoiros de Educación en Igualdade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

Un total de 592 alumnos e alumnas de primeiro e terceiro curso de ESO e cuarto de educación Primaria de centros de ensino da localidade participarán en obradoiros de Micromachismos, Corresponsabilidade e Coeducación impulsados desde a Concellería de Igualdade. A edil responsable da área, Teresa Sabio, explicou que a iniciativa, enmarcada no “II Plan Municipal de Igualdade do Concello de Narón”, encamíñase “á erradicación de estereotipos de xénero, permitindo ademais avanzar cos rapaces e rapazas aos que se dirixe a proposta, cara á igualdade e a corresponsabilidade”.

As sesións, iniciadas xa nalgúns centros, desenvolveranse ata finais do presente curso escolar, “donde persoal especializado nas diferentes materias realizará diversas actividades co alumnado na procura da tan necesaria igualdade social entre homes e mulleres”, destacou Sabio.

Do total de vinte e cinco obradoiros, nove están relacionados co tema dos Micromachismos e destínanse a un colectivo de 222 rapaces e rapazas de terceiro curso de ESO. Xa se levaron a cabo no instituto Terra de Trasancos e hoxe tivo lugar outro no instituto das Telleiras. Mañá será o turno dalgún dos grupos habilitados no CPI do Feal e no CPR Santiago Apóstol.

En canto aos once obradoiros de Corresponsabilidade, Sabio apuntou que se programaron para un total de 264 alumnos e alumnas de primeiro curso de ESO. Os vindeiros 3 e 10 de febreiro terán lugar no CPI do Feal e xa se convocaron no IES das Telleiras na primeira e segunda avaliación. Así mesmo, a partir do 17 deste mes comezarán no CPR Santiago Apóstol e no mes de marzo iniciaranse con alumnado do IES Terra de Trasancos.

Por último, os cinco obradoiros de Coeducación dirixidos a 106 alumnos de cuarto de Primaria continuarán este mes no CRA e no CEIP da Solaina, se ben xa se impartiron nos CEIP Virxe do Mar e Ponte de Xuvia.

“Con este tipo de actividades apostamos por traballar na área da educación en materia de Igualdade, e cos nenos e nenas desde a súa etapa escolar, porque xogan un papel fundamental á hora da divulgación dunha serie de valores entre a sociedade encamiñados á consecución dunha igualdade que lamentablemente aínda non existe entre homes e mulleres”, apuntou Sabio

1 de febreiro de 2017 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.