publicidade hoxe

Unhas 350 parellas participarán no Torneo de Baile Deportivo BADEGA

A concelleira de Deporte, Noa Morales, acompañada do presidente da Federación Española de Baile Deportivo, Luis Vañó, e da delegada territorial en Galicia, Graciela Toba, presentou o Torneo de Baile Deportivo BADEGA, que se celebra esta fin de semana en Compostela.

A concelleira agradeceu “que a Federación teña elixido Santiago como sede para a celebración deste torneo” e animou “a todas as persoas a achegarse ao Pavillón de Santa Isabel este domingo, tanto se xa son afeccionadas a este deporte como se o queren coñecer por primeira vez”. Na proba participarán 340 parellas de baile, practicamente todas as persoas con ficha na nosa Comunidade Autónoma.

Esta proba será puntuable para o Ranking Nacional da FEBD, nas distintas especialidades presentes na competición: Latinos, Standard, Danza Coreográfica e Bailes Caribeños. Ademais, incluirá tamén un Open Internacional de Bailes Latinos e outro de Bailes Standard.

Os ascensos de categoría fanse polo posto no Ranking Nacional e, para os deportistas galegos, é moi importante a celebración destas competicións puntuables en territorio galego para evitar o seu desprazamento a distintos puntos do territorio español.

Competición

“A principal característica de esta proba -segundo apuntou Graciela Toba- é que non é organizada por un club, senón, por BADEGA, asociación que recolle a todos os clubs galegos. Polo tanto, convértese nunha competición moi especial que une a todos os clubs, cun obxectivo, promover a participación dos seus deportistas nesta proba, xa que os beneficios serán destinados a recadar fondos para a creación da Federación Galega de Baile Deportivo”.

Así, a entrada terá un custo de 6 euros para o público adulto, de 4 euros para as persoas xubiladas e gratuíta para menores de 10 anos. O presidente da Federación Española de Baile Deportivo, Luis Vañó, indicou que “para min é unha honra volver a Santiago, porque é unha cidade cunha gran tradición de baile deportivo e que acolleu numerosas competicións ata o ano 2013”. Vañó tamén lembrou as cifras de deportistas en Galicia, que se converteu nos últimos anos no segundo territorio do Estado con máis licencias.

1 de febreiro de 2017 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.