publicidade hoxe

Unha primeira estimación cifra en 2,2 millóns de euros o valor dos danos do temporal en Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Os servizos técnicos municipais están a revisar e avaliar os danos causados polos temporais de vento e chuvia dos últimos días co fin de cuantificalos, orzamentar as reparacións precisas e executar os traballos de posta a punto pola vía de emerxencia.

O portavoz do Goberno local, Raimundo González Carballo, fixo balance das consecuencias do paso dos temporais polo municipio e puxo en valor o “funcionamento coordinado” dos servizos de emerxencia locais (Policía Local, Bombeiros, Protección Civil e empresas concesionarias dos servizos municipais) que estiveron alerta en todo momento e dando resposta ás numerosas incidencias rexistradas e que estarán en alerta diante do que esta por vir.

Ademais, engadiu o portavoz do Goberno local, os técnicos e operarios municipais están a traballar arreo na revisión dos danos causados no alumeado, a sinalización, nas vías públicas (beirarrúas e calzada), nas cunetas das estradas, xardíns, centros educativos, instalacións deportivas, dependencias municipais, cemiterios… Uns danos valorados, segundo una primeira estimación, en arredor de 2,2 millóns de euros.

Raimundo González Carballo puxo cifras á vaga de temporais de vento e chuvia dos últimos días:

– 500 chamadas recibidas na Policía Local

– Máis de 200 intervencións dos servizos de emerxencia durante a fin de semana

– 40 vehículos danados

– 6 rúas pechadas (Princesa, ponte da Barca, Benito Corbal, Fernando II, Joaquín Costa e Osorio Tafall)

– 2,2 millóns de euros, primeira estimación do valor dos danos ocasionados polos temporais

6 de febreiro de 2017 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.