publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Tomiño recupera “A Carballeira” de Goián coma lugar de encontro da veciñanza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTomiño
A-
A+

O Concello de Tomiño está a levar a cabo a recuperación e mellora do espazo coñecido popularmente coma A Carballeira, na parroquia de Goián. Trátase dunha das obras do Plan Concellos 2016, da Deputación de Pontevedra, cun orzamento de 24.580,00 euros e un prazo de execución de dous meses.

O lugar era, até agora, un cruzamento de camiños que ocupa unha superficie de 467m2. A súa morfoloxía lembraba aos ensanches xerados dunha maneira orgánica, e que daban lugar aos característicos espazos públicos dos núcleos tradicionais galegos.

Asemade, caracterizábase por ter un espazo verde central de forma triangular, no que hai anos crecían seis acacias de gran porte. Esta zona verde leva o nome de Praza Xavier Pousa, pintor goianés xa desaparecido, cuxa casa natal linda co lugar de ocio.

Por outra banda, os viarios non dispoñen de beirarrúas para peóns. Esta intersección ten un moderado tráfico de vehículos pero a elevada velocidade coa que cruzan, xunto cos estrechamientos existentes nos puntos de acceso, convértena nun punto perigoso para os viandantes.

Por estas razóns, desde o Concello estase a levar a cabo unha renovación completa de todo o espazo de forma unitaria e coherente que, ademais, axudará a reducir a velocidade de paso do tráfico rodado, recuperando a praza para disfrute dos veciños. “O obxectivo do proxecto é a recuperación e posta en valor do espazo para a veciñanza, e que non quede nunha mera illa rodeada de estradas para o tráfico de vehículos; queremos que este espazo volva ser un pequeno lugar de encontro no que poder estar á sombra das árbores”, explica a alcaldesa Sandra Gonzalez.

Para potenciar a integración e convivencia porase un pavimento de lastro de pedra que unificará todo o espazo, conseguindo un aspecto máis acolledor que o asfalto existente. Nos puntos de acceso, construiranse badenes disuasorios que, xunto co pavimento rugoso do lastro, axudarán a reducir a velocidade do tráfico rodado.

Dous parterres delimitados por un bordo de chapa de aceiro, albergarán a zona verde que sempre tivo este espazo. Neles colocaranse cinco carballos, dispostos en modo bosque, para recuperar o sentido do nome con que historicamente se coñece, e crear un gran espazo de sombra na primavera e verán. Baixo eles e nos parterres, disporanse elementos vexetais de pouco mantemento e producidos nos viveiros da zona, para dar cor á zona, e tres bancos de pedra debaixo das árbores para gozar do lugar.

Os materiais propostos (lastro, pedra e chapa de aceiro) continúan a liña doutras actuacións similares no concello, co fin de manter unha imaxe coherente e integradora.

No parterre máis pequeño, instalarase nun futuro, un elemento conmemorativo na honra do pintor Xavier Pousa, quen da nome á praza e cuxa casa natal é unha das edificacións que delimitan o espazo.

 

7 de febreiro de 2017 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.