publicidade hoxe

Teatro do Noroeste celebra con catro funcións de ‘Estado de graza’ o seu 30º aniversario en Santiago

O Teatro Principal de Santiago acollerá esta semana catro funcións de ‘Estado de graza’, o espectáculo co que Teatro do Noroeste está a conmemorar os seus trinta anos de traxectoria como unha das compañías fundacionais da escena profesional en Galicia. A montaxe, que poderá verse en Compostela do xoves ao domingo, é unha das 29 propostas subvencionadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a través da convocatoria de axudas á produción escénica de 2016.

Así o explicou hoxe o director da Agadic, Jacobo Sutil, na súa intervención durante a presentación aos medios de ‘Estado de graza’, na que compartiu mesa con Marta Lois, concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo de Santiago, e con Eduardo Alonso e Luma Gómez, fundadores e responsables de Teatro do Noroeste.

Sutil sinalou, ademais, que este é un dos espectáculos destacados en canto ao número de funcións contratadas este semestre a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de distribución escénica e musical que xestiona a Agadic en colaboración con preto de 40 entidades locais de toda Galicia. De feito, as dúas primeiras representacións en Santiago desta montaxe (o xoves e o venres) insírense na programación da Rede, como tamén a súa estrea o pasado día 3 no Pazo da Cultura de Narón.

Venda de entradas

Os catro pases de ‘Estado de graza’ en Santiago están programados ás 20.30 horas no Teatro Principal, o mesmo espazo que o venres 17, ás 18.00 horas, acollerá a presentación do libro conmemorativo deste trinta anos de traxectoria. Este acto será de entrada libre, mentres que as localidades para o espectáculo poden mercarse en entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou no despacho de billetes do teatro desde mañá e ata o domingo a partir das 18.00 horas.

A difícil relación entre unha filla que ansía a liberdade e unha nai dominada polas crenzas relixiosas máis profundas é o eixo temático da nova proposta de Teatro do Noroeste, situada no ano da morte de Franco. Así, ‘Estado de graza’ achéganos o enfrontamento entre unha xeración dominada pola beatería máis contumaz e a seguinte, coa liberdade por bandeira. Eduardo Alonso é o autor e director desta proposta, interpretada por Luma Gómez, Imma António, Manuela Varela e Nini True.

Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro profesional galega fundada no 1987. Na súa dilatada traxectoria, ten producido e distribuído unha gran cantidade de espectáculos. Entre estes pódense salientar textos clásicos como ‘Rei Lear’, ‘Macbeth’ e ‘Noite de Reis’, de William Shakespeare, ou ‘As vodas de Fígaro’, de Caron de Beaumarchais; ata textos máis contemporáneos como ‘Os Xustos’, de Albert Camus. Tamén ten levado a escena textos de autores galegos como ‘Historias peregrinas’ e ‘A grande noite de Fiz’, de Miguel Anxo Murado, e ‘Unha rosa é unha rosa’, de Suso de Toro, ademais das obras do propio Eduardo Alonso como o musical ‘Imperial: Café cantante. Vigo 1936’, entre moitos outras.

13 de febreiro de 2017 | 19:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.