publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Sober acollerá un concerto do percusionista Noé Rodrigo Gisbert o 11 de febreiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAxenda e CulturaSober
A-
A+

O  Centro Sociocultural de Sober acollerá o vindeiro sábado, día 11 de febreiro, un concerto de percusión organizado polas Xuventudes Musicais de España. Nesta ocasión, o prestixioso mozo percusionista Noè Rodrigo Gisbert, recente premio especial na European Union of Music Competitions for Youth, ofrecerá un recital no municipio soberino a partir das 20:00 horas.

O programa co que Gisbert deleitará aos asistentes inclúe unha gran diversidade de estilos e percorre diferentes ritmos de destacados compositores contemporáneos da talla de Kevin Volans, Vinko Globokar, José Álvarez ou Arnold Marinissen, entre outros.

O alcalde da localidade, Luis Fernández Guitián, animou a todos os veciños e veciñas a desfrutar deste impresionante concerto “que se ofrecerá de xeito totalmente gratuíto para todo o público”. E salientou o enorme nivel do recital: “todos os soberinos e soberinas somos uns privilexiados por poder asistir a este concerto dun dos percusionistas máis prestixiosos a nivel internacional”, concluíu.

Unha eminencia da percusión

Como percusionista de orquestra, Noé Rodrigo Gisbert, é membro dalgunhas das mellores orquestras do mundo, como a Alumni-Orchester der Lucerne Festival Academy, ou a SOAP (Symphony Orquestra Academy of The Pacific) de Canadá, entre outras. Tamén colabora con orquestras como a Netherlands Philharmonisch Orkest ou a Royal Concertgebouw Orchestra de Ámsterdam. Como solista, obtivo o primeiro premio no Concurso Permanente de Xóvenes Intérpretes das Xuventudes Musicais de España (2015) e no Concurso de interpretación Musical do Conservatorio de Altea en dúas ocasións (2007 e 2009) e Mención de Honra no 2009.

No ámbito da música de cámara foi membro da Academia para a Nova Música en Zaragoza ou a NJO Steve Reich Ensemble e actualmente é membro activo de MBira-dúo, The Score Collective Ensemble e colabora co Oerknal! Ensemble, Nieuw Amsterdams Peil, Slagwerk Den Haag, Asko Schönberg Ensemble e New European Ensemble.

Ademais traballou con compositores contemporáneos da talla de Steve Reich, Luis de Pablo, Antón García Abril, Jesús Torres, James Wood ou Wolfgang Rhim.

7 de febreiro de 2017 | 12:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.