publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Seleccionan a un colexio galego para participar nas Escolas Creativas de Ferran Adrià

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaRedondela
A-
A+

O CEIP de Laredo, de Chapela (Pontevedra), foi seleccionado por Fundación Telefónica entre 313 centros de toda España para participar, xunto a outros 19, nas Escolas Creativas de Ferran Adrià, embaixador de Telefónica desde 2010. O obxectivo da iniciativa é aplicar a metodoloxía de elBulli á educación para transformar a forma de ensinar e aprender a través da creatividade e a innovación.

Así, durante os próximos meses, o equipo pedagóxico de Fundación Telefónica e Ferran Adrià seguirá de preto e de forma personalizada ao centro, que deberá concentrar os seus esforzos en facer realidade o reto de transformación que expuxo na súa inscrición no programa e que debía responder ás seguintes preguntas: que aspecto habería que cambiar?, por que e para que?. 

Para iso, someterase a auditorias creativas e contará con materiais didácticos e unha plataforma web de traballo. Tamén gozará de encontros con profesionais de diversas disciplinas e charlas con Adrià, entre outras actividades.

Os 20 centros seleccionados presentan perfís diversos tanto en canto á temática dos retos expostos como ao seu impacto, xa que están representadas desde escolas pequenas, medianas e grandes, a urbanas ou rurais. En concreto, trátase de 13 centros públicos, 6 concertados e un privado de diferentes etapas educativas.

Ademais destes centros seleccionados, calquera docente, de maneira particular, pode acceder ao material de Escolas Creativas para aplicar a creatividade na súa programación. Para iso, só ten que entrar na páxina web http://ferranadria.fundaciontelefonica.com e rexistrarse. Até a data xa se inscribiron 1.200 docentes, que terán tamén á súa disposición espazos virtuais onde compartir dúbidas e experiencias.

Orixe do proxecto

O proxecto xorde tras a exposición Ferran Adriá. Auditanto o proceso creativo, exhibida no Espazo Fundación Telefónica de Madrid en 2014, na que se abordaba o proceso creativo que levou a elBulli a ser considerado o mellor restaurante do mundo durante varios anos consecutivos. Na súa parada en Madrid, realizouse un taller dirixido a docentes, Manos a la obra, no que quedou patente que a iniciativa podía ter máis percorrido, dando lugar ao programa Escolas Creativas.

“Como unha aula, un restaurante de alta cociña é un escenario de aprendizaxe continua. É un reto emocionante. Trátase de compartir os ensinos de 25 anos de innovación ao máximo nivel con centros educativos e profesores”, apunta Adrià. 

1 de febreiro de 2017 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.