publicidade hoxe

Santiago Futsal e Burela FS veranse as caras nun derbi de vital trascendencia

O derbi máis atractivo do fútbol sala galego terá lugar este sábado ás 13.15h na pista do pavillón de Santa Isabel. O Santiago Futsal recibe a un Pescados Rubén Burela FS nun momento no que ambos os conxuntos teñen un obxectivo común: asegurar a permanencia canto antes, dada a situación de máxima igualdade na zona baixa da táboa.

Os de Santiago chegan a este encontro sumidos nunha dinámica positiva de resultados, cultivando unha importante vitoria en casa ante o último clasificado, Jumilla FS; (5-3) e un valioso empate na pista do Gran Canaria FS (1-1) antes do parón ligueiro por encontros da Selección. Os de Santi Valladares buscan retomar a competición sumando tres puntos que os afaste, aínda máis, dos postos de perigo. Ademais, os composteláns terían a oportunidade de abrir unha brecha cos últimos clasificados, límite que marca Levante UDDM, antepenúltimo con 12 puntos. Nestes momentos o Santiago Futsal aséntase na 11ª posición con 19 puntos e Pescados Rubén Burela FS é 14ª con 15 puntos.

Aínda que os precedentes dos encontros entre santiagueses e mariñáns en terras compostelás favorecen aos intereses laranxas, con dúas derrotas do Santiago Futsal, un empate e unha vitoria. Esta pode ser a ocasión na que os brancos igualen a balanza ante o seu rival autonómico na quinta temporada dos dous conxuntos na elite do fútbol sala nacional.

No encontro de ida, a vitoria quedou en casa de Pescados Rubén Burela FS por un axustado 6-5. Un partido moi disputado no que os brancos remontaron na segunda parte, anotando 4 goles nos últimos 10 minutos de partido.

O pavillón de Santa Isabel acollerá un derbi que se prevé intenso e axustado ata o final, e que se poderá vivir en directo a través de Teledeporte a partir das 13.15h.

2 de febreiro de 2017 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.