publicidade hoxe

Sanidade informa que en dúas semanas estará rematado o proxecto técnico do centro de saúde do Milladoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

A semana pasada o goberno municipal mantivo contactos coa Consellería de Sanidade para coñecer o estado no que se atopa o proxecto técnico do centro de saúde do Milladoiro. Das conversas mantidas despréndese que nestes intres os técnicos de dita Consellaría están facendo as revisións correspondentes do proxecto, e se cumpre cos prazos marcados, a principios de marzo o goberno municipal mantería unha xuntanza co conselleiro de Sanidade, e cos técnicos da Consellería para pechar o devandito proxecto.

O goberno municipal segue realizando as xestións oportunas para que as obras de construción do novo centro de saúde do Milladoiro poidan comezar durante este ano. Así, dende comezos deste ano, o goberno municipal leva preguntando pola situación do proxecto técnico do centro de saúde, sen que ata a última semana obtiveran resposta dende o executivo autonómico. A semana pasada, na visita feita polo delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña ao concello de Ames, o alcalde aproveitou para solicitarlle intermediación sobre este asunto.

Dende o Concello mantiveron conversas co persoal da Consellería de Sanidade co fin de coñecer o estado en que se atopa o proxecto técnico de dita infraestrutura. Dende a Xunta de Galicia trasladáronlle ao goberno que na actualidade os técnicos do organismo autonómico están revisando o proxecto técnico. Se todo vai segundo o previsto, e segundo os prazos que manexan dende a propia Consellería, nun prazo de 15 días poderíase fixar unha xuntanza entre o goberno municipal e o conselleiro de Sanidade para pechar o devandito proxecto.

O alcalde de Ames, José Miñones, agradécelle ao delegado territorial da Xunta ter feito as chamadas correspondentes e que deron o seu froito, xunto cos escritos remitidos dende o Concello, e explica que “estamos a espera de que a Xunta peche o proxecto técnico do novo centro de saúde do Milladoiro o antes posible, co obxectivo de que se poida comezar co proceso de licitación. O noso obxectivo é que as obras de construción desta infraestrutura tan demandada pola veciñanza do Milladoiro comecen este ano”.

Sinatura do convenio entre o SERGAS e o Concello

Hai que lembrar que o pasado 8 de setembro de 2016 o conselleiro de Sanidade, e o alcalde de Ames, asinaron o convenio de cooperación entre o Servizo Galego de Saúde e o Concello de Ames para a execución das obras de construción do novo centro de saúde do Milladoiro. Algúns dos compromisos que se recollen no convenio son que o Concello asumirá todos os gastos necesarios para dotar á parcela do centro de saúde das infraestruturas necesarias, tales como accesos rodados e peonís, abastecemento de auga, saneamento, subministración eléctrica, alumeado, telefonía, e a regulación do aparcamento na zona próxima ao centro de saúde. Estas infraestruturas deberán estar realizadas á entrada en funcionamento do centro de saúde.

Por outra banda, o Servizo Galego de Saúde comprometeuse á iniciación da elaboración, e de ser o caso, á supervisión e á aprobación do proxecto técnico, así como a contratar, dirixir e executar as obras de construción do centro de saúde, con cargo aos seus orzamentos. O proxecto técnico recollerá as conexións de servizos e os accesos preferentemente ao fronte principal da parcela, á rúa Travesía do Porto. Así mesmo, o Servizo Galego de Saúde procurará licitar as obras de construción nun prazo máximo de 30 días posteriores á obtención das licencias e permisos necesarios por parte do Concello.

Por último, cómpre destacar que este convenio recolle a constitución dunha comisión de seguimento que interprete e asegure o bo fin e cumprimento do obxecto deste convenio así como que resolva as controversias xurdidas como consecuencia da execución deste. A comisión estará formada por dous representantes de cada unha das partes, nomeados polos seus máximos responsables. A comisión reunirase por solicitude dunha das partes asinantes, considerándose constituída se asiste polo menos un dos representantes de cada entidade.

 

20 de febreiro de 2017 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.