publicidade hoxe

Rey Varela reforza o compromiso coa conciliación na visita ao inmoble da futura escola infantil de Río do Pozo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+
Rey Varela na visita ao edificio

Rey Varela na visita ao edificio

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá no municipio coruñés de Narón o inmoble no que se emprazará a escola infantil que dará servizo aos traballadores e traballadoras das empresas que desenvolven a súa actividade no polígono industrial de Río do Pozo. Na visita tamén participaron o alcalde de Narón, José Manuel Blanco, a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, e responsables da Fundación Río do Pozo.

A Administración autonómica concedeu á Fundación Río do Pozo, impulsora do proxecto, unha achega de 200.000 euros –o que supón o 80’% do custe total da actuación- para transformar un edificio de carácter administrativo nun equipamento educativo de 3 unidades, unha para cada grupo de idade de 0 a 3 anos, e 41 prazas, ao abeiro da nova liña de axudas convocada en xuño do ano pasado para promover a creación de escolas infantís en contornos empresariais de Galicia.

No percorrido polas instalacións, o responsable da área social do goberno galego salientou que esta iniciativa “permite achegar o coidado, a atención e a primeira formación dos nenos e nenas ao lugar de traballo dos pais facendo así máis doada a vida cotián das familias e a conciliación, que é un dos eixes prioritarios das políticas sociais en Galicia para os vindeiros catro anos”. Así mesmo, manifestou que a entrada en funcionamento desta escola “fará de Río do Pozo un contorno empresarial máis atractivo e eficiente, posto que leva aparellada vantaxes como a mellora do clima laboral polo feito de que os pais e nais poderán desempeñar as súas tarefas coa tranquilidade de saber que os seus fillos están ben atendidos e, ademais, preto deles”.

Ademais, Rey Varela sinalou que para conseguir unha verdadeira conciliación da vida laboral, familiar e social “é indispensable contar coa implicación das empresas”. Neste sentido, apuntou que a Consellería de Política Social traballa nunha nova convocatoria de axudas cuxa publicación se prevé para o primeiro semestre deste ano e que permitirá o financiamento de seis novos centros como este que abrirá en Río do Pozo ou o do polígono da Tomada, situado na localidade coruñesa da Pobra do Caramiña e que tamén está a financiar a Xunta con outra achega por valor de 200.000 euros para a súa posta en marcha.

Por último, o conselleiro destacou o esforzo que está a facer o executivo autonómico para que “Galicia sega estando á vangarda en materia de conciliación, porque aspiramos a que esta terra sexa o mellor lugar para ser pai e nai e, sobre todo, para que os nenos crezan e se desenvolvan de maneira plena”. De feito, esta liña de subvencións para a creación de escolas infantís en contornos empresariais, que foi habilitada por primeira vez o ano pasado, forma parte do Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia), e se complementa con medidas como o incremento das prazas públicas ou financiadas con fondos públicos na rede galega de escolas infantís, o Bono Concilia e o Bono Coidado, a Tarxeta Benvida ou a entrada en funcionamento das primeiras 30 casas niño no rural, entre outras.

15 de febreiro de 2017 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.