publicidade hoxe

Pontevedra disporá dun novo local de atención permanente ao doador

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) porá maña, martes 21 de febreiro, en funcionamento o novo punto fixo de doazón de sangue para a cidade de Pontevedra. O local de atención permanente ao doador de sangue sitúase na Praza do Hospital Provincial, xusto ao carón do novo aparcamento, unha localización céntrica e de doado acceso para os cidadáns que mellora o servizo que ADOS presta os veciños e veciñas de Pontevedra.

O novo local de ADOS no Hospital Provincial de Pontevedra conta cunha superficie de preto de 75 m², incrementando nun 50% o espazo con respecto ao anterior, e dispón de tres postos de doazón que permitirán doar polo xeito convencional e polo sistema de aférese.

Garantir a confort

Este novo local, situado nun módulo ubicado ao carón do aparcamento do centro hospitalario, conta cun axeitado sistema de illamento e está dotado de calefacción e aire acondicionado, para garantir o máximo confort e comodidade tanto para os doadores e doadoras, como para os profesionais sanitarios que desenvolven o seu labor neste punto. Ademais, para facilitar o acceso de todos os cidadáns que se acheguen cos seus vehículos para efectuar unha doazón de sangue, o local de doazón de ADOS en Pontevedra dispón dun total de 6 prazas reservadas para os seus doadores e doadoras.

Elevada participación

A dirección de ADOS quere amosar o seu recoñecemento a todos os doadores e doadoras de Pontevedra, polas súa elevada participación nas campañas de doazón, xa que, durante o ano 2015, realizaron 3.836 doazóns de sangue, que situaron a este municipio como o terceiro de maior índice de participación entre as sete grandes cidades galegas.

Así mesmo, ADOS anuncia que durante a xornada do luns 20 de febreiro, o punto fixo de Pontevedra atoparase pechado por mor do traslado ás novas instalacións. ADOS pide desculpas pola molestias que este peche momentáneo poda ocasionar e quere convidar a todos os pontevedreses e pontevedresas a achegarse ao novo punto fixo de doazón que estará aberto os luns e venres das 08:00 ás 15:00 e os martes, mércores e xoves das 15:00 as 22:00 horas. Salientar que a partir do 1 de maio e ata o 30 de setembro, o punto fixo de ADOS en Pontevedra terá un horario de 08:00 ás 15:00 horas.

20 de febreiro de 2017 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.