publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os obradoiros de emprego de Ames e Brión forman a 35 persoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesBrión
A-
A+

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá aos participantes nos obradoiros de emprego Renovames-Brión e Accede, organizados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración cos concellos de Ames e Brión. No acto Rodeiro estivo acompañado polo alcalde de Ames José Miñones. Os obradoiros conxuntos contan con 36 alumnos-traballadores e nove profesionais que desenvolven a súa actividade como monitores, director e persoal administrativo. Todos eles son os encargados de desenvolver, ao longo de seis meses, o acondicionamento de diversas zonas dos dous municipios. Con este fin a Xunta achegou máis de 310.000 euros.

O proxecto formativo Renovames-Brión leva a cabo traballos de mellora da eficiencia enerxética no comedor do CEIP de Verín, na escola infantil de Ortoño, no local social de Biduido e na escola de música e a biblioteca municipal de Brión. Tamén acomete instalacións de estufas de pellets nos locais sociais de Auga Pesada, Os Ánxeles, Piñeiro e no espazo de ensaio da banda municipal. Nesta iniciativa a Xunta investiu preto de 131.000 euros, con cargo aos fondos de Garantía Xuvenil.

Os vinte alumnos-traballadores do obradoiro Accede, pola súa banda, están a desenrolar traballos de pavimento e albanelería de urbanización, consistentes na mellora da accesibilidade en pasos de peóns da avenida de Rosalía de Castro, en Ames, e do Paseo de Pedrouzos, en Brión, onde tamén se están a renovar as canalizacións de augas pluviais. Así mesmo, se está reparando o pavimento na zona de Chavián, na praza da Mahía e no aparcamento de Aldea Nova, todas elas en Ames. O orzamento para este obradoiro é de 179.000 euros.

Rodeiro destacou estes programas mixtos de formación e emprego porque “aportan unha formación eminentemente práctica” ao tempo que son “unha oportunidade para as persoas que se atopan nunha situación de desemprego”. Con estes obradoiros a Xunta pretende ampliar as oportunidades laborais das persoas con dificultades para o acceso ao mercado de traballo. Ao remate dos obradoiros tanto a experiencia formativa como a actividade laboral desenvolvida polos beneficiarios seranlles acreditadas cun certificado de profesionalidade, plenamente vixente e oficial.

O delegado territorial lembrou que na provincia se puxeron en marcha outros 23 obradoiros de emprego e oito de Garantía Xuvenil, para menores de 30 anos, sumando 600 alumnos beneficiados e un investimento de máis de 5.328.000 euros. Rodeiro lembrou que, no conxunto da provincia, son un total de 72 concellos os que ao longo dos últimos meses desenvolveron ou están a desenvolver algunha destas iniciativas. Esta actuación forma parte da Axenda 20 para o Emprego, a folla de ruta do Goberno galego en materia laboral, e coa que se prevé crear 80.000 postos de traballo ata 2020.

Ovidio Rodeiro aproveitou a visita para destacar o “compromiso claro de colaboración institucional da Xunta cos concellos para traballar na creación de postos de traballo no futuro”. O delegado territorial mostrou a súa satisfacción por poder visitar estas dúas iniciativas que teñen “un obxectivo claro, dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reincorporarse ao mercado laboral. Non podemos esquecer ademais”, engadiu Rodeiro, “que en total son 44 as persoas que grazas a estes obradoiros, obteñen un posto de traballo, uns formándose e outros formando”, en relación aos directores, ao persoal docente e administrativo.

Os obradoiros de emprego, aos que se destinan 20,5 millóns de euros, preto dun 50% máis que a convocatoria pasada, son programas que teñen por obxecto mellorar a ocupabilidade dos desempregados mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de interese xeral ou social que lles posibilite a realización dun traballo. Ao igual que o pasado ano, inclúense obradoiros de emprego específicos para os menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil. O impulso do emprego xuvenil é unha prioridade para o Goberno galego e, por iso, a mocidade sigue sendo un colectivo prioritario para a Xunta. Primarase este ano a aquelas persoas mozas que non recibiran atención anteriormente no Programa de Garantía Xuvenil.

Aos obradoiros de emprego poden optar os concellos e con esta iniciativa, tanto os xerais como os destinados á mocidade. Estímase que se poidan beneficiar 1.600 desempregados. Como novidade este ano amplíase a duración dos obradoiros ata os 9 meses. Ata o de agora estes programas duraban un máximo de 6. Así mesmo, nesta convocatoria contarán con maior puntuación os concellos resultantes de fusións, aínda que tamén terán unha maior valoración os proxectos de concellos asociados. Primarase, ademais, os proxectos que presenten unha maior vinculación coa Industria 4.0 e cos sectores estratéxicos e de alto potencial da Axenda da Competitividade. Valorarase, así mesmo, a relación do proxecto co tecido empresarial da zona onde teña lugar o obradoiro e as posibilidades de inserción dos alumnos.

Para optar aos obradoiros terán preferencia os beneficiarios da Renda de Integración Social de Galicia, as mulleres, en xeral, e as vítimas de violencia de xénero, os parados de longa duración, os maiores de 45 anos, aqueles alumnos que carecen de títulos universitarios ou de FP de grao superior e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

13 de febreiro de 2017 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.