publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os 9 centros sociocomunitarios da área de Vigo mobilizan a 10.000 usuarios anuais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaLocal PortadaO PorriñoRedondelaVigo
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, mantivo hoxe un encontro cos directores e directoras dos centros sociocomunitarios de Vigo e a súa área territorial para escoitar as súas opinións e poder mellorar así a prestación que se ofrece aos usuarios e usuarias que día tras día se achegan ata estes “lugares de encontro”.

A área territorial de Vigo conta cun total de 9 centros sociocomunitarios: tres en Redondela, Baiona e O Porriño mentres que no caso da cidade olívica, existen 6. Rivera Atienza, Bouzas, Coia, Pi y Margall, Teis e O Calvario son as instalacións polas que, de media, soen pasar unhas 1.000 persoas ao ano para beneficiarse das súas actividades ou para disfrutar doutros servizos que se ofrecen coma a biblioteca, sala de xogos, ler a prensa, cafetería, servizos de podoloxía ou perruquería, etc.

En total, os 9 centros sociocomunitarios mobilizan entre 9.000 e 10.000 usuarios anuais aos que, de xeito global, se lles ofrecen máis de 200 actividades. Cursos de taichi, bolillos, informática, inglés, música, obradoiros de cerámica, de costura ou cociña, entre outros moitos, se suman ás excursións, charlas ou conferencias que tódolos días se ofertan nestas instalacións que dependen da Consellería de Política Social.

En rolda de prensa, López-Chaves destacou “o importante labor” que desenvolven estes centros sociocomunitarios para todos os usuarios e usuarias –a maioría persoas maiores de 60 anos- que poden elixir múltiples actividades a realizar. O obxectivo non é outro que axudar na mellora da calidade de vida e dun envellecemento activo, garantindo unha vida saudable, independente e segura na que se aposta polo enfoque preventivo como unha das ferramentas máis efectivas.

Estación intermodal

Noutro orde de cousas, o delegado tamén fixo mención ao “sorprendente cambio de criterio” que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, tivo estes días con respecto á estación intermodal. Así, lembrou a reunión e o acordo ao que se chegou entre Concello, Xunta e Ministerio de Fomento o pasado 11 de xaneiro de 2016 cando, coma consecuencia da anulación do PXOM por parte do Tribunal Supremo, as tres administracións abordaron conxuntamente a solución urbanística para a estación de autobuses intermodal e o Centro Vialia mediante a súa tramitación como un proxecto conxunto ao abeiro da Lei de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, que por aquel entón estaba a iniciar a súa tramitación, ata acadar a aprobación definitiva o 1 de marzo. “Estase a executar a folla de ruta pactada tras a anulación do PXOM e que colocaba o complexo en situación de ilegalidade urbanística”, dixo López-Chaves.

Neste senso, especificou que é o Goberno galego o que da “unha solución a un problema creado por Caballero”. “A Xunta está a aplicar unha solución pola Lei 3/2016 para dar cobertura urbanística e legal ás dúas estacións”, explicou, insistindo en que “o problema créao Caballero e a solución ofrécea a Xunta. Sen ela non se podería actuar no contorno”.

Por último, destacou que dende que se produciu a anulación do PXOM, hai xa 15 meses, a Administración autonómica “xa aprobou 2 leis no Parlamento” para poder dar seguridade urbanística á cidade olívica e executar proxectos de especial interese público –caso do polígono de Balaídos- e preguntouse qué fixo o rexedor vigués ao respecto.

9 de febreiro de 2017 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.