publicidade hoxe

O proxecto Apego avalía resultados este venres no Pazo da Peregrina de Bertamiráns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Este venres, día 3 de febreiro, a partir das 10 da mañá, terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, no concello de Ames, unha xuntanza de avaliación, coordinación e impulso do proxecto Apego. A esta xuntanza están convocadas as diferentes persoas responsables técnicas e políticas dos 23 concellos que o desenvolven, e mais aquelas dos concellos interesados en se incorporaren ao desenvolvemento colaborativo e cooperativo deste programa de socialización en galego da infancia.

Desde os servizos de normalización lingüística (SNL) dos concellos impulsores faise unha avaliación moi positiva, tanto pola acollida do programa, como polo número de familias directamente implicadas –xa están adheridas formalmente arredor de 2.000–, polos recursos creados, pola participación nas actividades e polos resultados que se van percibindo. Aínda así, desde os SNL crese que cómpre mellorar a coordinación e as accións na procura de satisfacer mellor as expectativas e demandas das familias implicadas.

Co impulso inicial da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), na primavera de 2015 os concellos da Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo puxeron en marcha o Apego, en na primavera de 2016 incorporáronse e comezaron a desenvolver o proxecto tamén os concellos da Coruña, Ames, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo. E en 2017 prevense novas incorporacións de concellos.

Apego é un proxecto de dinamización sociolingüística que procura incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos. Para ese proceso de incentivar, favorecer e colaborar na socialización en galego da infancia, a través do programa facilítanselles ás familias materiais, tanto físicos (unha caixa de benvida cunha mantiña-apego, un álbum de primeiras experiencias, un libro informativo sobre transmisión lingüística e crianza, un adhesivo, un medidor, un disco de música infantil en galego de diferentes grupos e estilos, etc.) coma virtuais, con propostas de cancións, xogos etc., a través do sitio web www.apego.gal.ou da serie de vídeos na rede en que o polbo Po lles ensina ás nenas e aos nenos cousas como xogos para aprender as partes do corpo, atar os cordóns, facer galletas en familia, etc.

Ademais de facilitar materias, a través do programa tamén se procura crear espazos de socialización en galego e desenvólvense actividades, nuns casos formativas e máis dirixidas a nais e pais ou formadores (charlas, obradoiros, etc.), e noutros casos máis de dinamización, dirixidas tamén aos nenos e ás nenas (concertos, contacontos, teatro, etc.). De cara a 2017 deseñaranse e desenvolveranse novas accións no marco deste programa.

2 de febreiro de 2017 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.